Casa Grande de Cabanas

Tamén se lle coñece como Pazo dos Rioboo.
19 de Outubro, 2020 - 10:46 h. | Publicada por Radio Fene

A Casa Grande de Cabanas (1672) tivo ilustres moradores como o seu promotor, o arcebispo de Santiago Francisco das Seixas Losada e o naturalista ferrolán, Vítor López Seoane.

ESCOITA O PODCAST:

A Casa grande de Cabanas ou Pazo dos Rioboo acabou de construirse en 1672 por iniciativa do que sería arcebispo de Santiago, Francisco das Seixas Losada, natural de Cabanas e membro dunha familia nobre. Tanto o seu avó como o seu pai foron alcaldes da localidade. Encargoulle a construción ao mestre de obras Toribio de la Vega. Responde ao estilo barroco dominante nesa época pero ten características peculiares ao pertencer o seu promotor ao ámbito eclesiástico. “Estamos diante dun barroco austero, a fachada é barroca pero carente de exceso de elementos decorativos” explica a técnica de turismo de Cabanas, Eva González. O edificio responde tamén ao clasicismo anterior, propio da primeira metade do século XVII. Consérvanse no interior dous fragmentos de pinturas murais profanas, unha delas recreando a escena do mito de Perseo.

Na Casa grande de Cabanas viviu o naturalista ferrolán Vítor López Seoane, un dos naturalistas máis importantes do século XIX, casado cunha descendente da familia. Alí atesourou unha colección que hoxe está dispersa por toda Europa. Preto do pazo atópase a igrexa parroquial de Cabanas que en orixe pertenceu ao pazo. Construída en 1680, adicouse á Nosa Señora da Concepción. No século XVIII engádeselle outra adicada á virxe do Carme e, na primeira metade do século XX, sofre a última reforma co engadido doutra capela adicada a San Andrés. Así é como a coñecemos hoxe en día. En orixe a capela ubicabase dentro a finca do pazo pero co tempo variáronse os límites da casa e quedou fora do recinto. Entregouse á parroquia que lle anexionou o cemiterio.

Cultura

Publica o teu comentario agora