Casa O' Rei

A montaxe é candidata aos Premios MAX das artes escénicas en cinco categorías
14 de Febreiro, 2019 - 02:04 h. | Publicada por Radio Fene

'O Furancho' e 'Raclette" e agora Casa O 'Rei. É a triloxía que Ibuprofeno Teatro creou para afondar na nosa alma colectiva. A obra opta a cinco premios Max. Podemos vela este sabado 16 en Narón.

Ibuprofeno Teatro presenta no Pazo da Cultura de Narón 'Casa O'Rei'. Con esta montaxe a compañía afincada en Caldas pecha a súa triloxía gastronómica, da que tamén forman parte os espectáculos 'O Furancho' e 'Raclette". A función será este sábado 16 de febreiro ás 20 horas

Recentemente déronse a coñecer as candidaturas aos Premios Max das artes escénicas e Casa O'Rei está seleccionada en cinco categorías: mellor espectáculo, mellor adaptación e mellor dirección de escena para Santiago Cortegoso, mellor deseño de espazo escénico para Pablo Giráldez 'Pastor' e mellor actor protagonista para Miguel Borines. A obra foi premiada como mellor montaxe na última edición do Certame de Teatro Garnacha de Rioja de Haro.

O dramaturgo Santiago Cortegoso (Domaio, Moaña) escribe e dirixe este texto que el mesmo define como 'un xogo escénico e dramatúrxico a partir de 'O Rei Lear' de Shakespeare'. Neste caso a acción trasládase a unha típica casa de comidas galega, unha casa que acabará por derrubarse e con ela caerá tamén un xeito de entender a gastronomía e a sociedade, no que a familia é fundamental.

Esta familia que espreme e oprime está encabezada por Manolo Rei, ao que dá vida Miguel Borines, actor cunha dilatada traxectoria, coñecido do gran público por series coma 'As leis de Celavella' ou 'Serramoura'. Victoria Teijeiro (Maribel), Marián Bañobre (Rita) -que tamén se encarga, como vén sendo habitual, do deseño de vestiario-, Teté García (Cordelia), Víctor Mosqueira (Cosque) e Xosé Manuel Esperante (Albino) dan vida ao resto da familia.

Completan o equipo Laura Campos na axudantía de dirección, Pablo Giráldez 'Pastor' no deseño de escenografía, Caxade na banda sonora, Baia Fernández no deseño de peiteado e maquillaxe, Salvador del Río no deseño de iluminación e Diego Seixo na imaxe.

Cultura

Publica o teu comentario agora