ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
Facebook
Twitter
Como cando veu o Guernica dos EEUU a Madrid. Así veu "A derradeira lección do mestre" de Castelao por primeira vez a Galicia.
A exposición "Castelao Maxistral" ten o dobre sentido de destacar a grandeza da obra gráfica do político de Rianxo e o achegamento a como era o ensino antes e durante a República.
"Non quero ir porque o escolante pégame e a escola cheira que fede" dille un pequeno á súa nai que arrastra nel para levalo á escola. "O mayestro pegoume hoxe moito ¿sabes?" cóntalle un pequeniño coa pucha na cabeza ao seu can.
"A mayestra berroume porque dixen ollomol. Debeches decir ojo blando" contéstalle o rapaz á rapaza.
É outro exemplo da crítica que Castelao fai, a través do debuxo, dunha escola allea e represora. A exposición "Castelao Maxistral" que acolle o Gaiás ata o 3 de marzo, céntrase nun tema, a escola, a construcción do sistema educativo público, dende os primeiros anos do século XX ata 1936. Unha escola precaria que se vai modernizar coa chegada da República, e se vai truncar co golpe de estado.
O culme da mostra é precisamente o cadro "A derradeira lección do mestre" pintado por Castelao en 1945 durante o seu exilio na Arxentina. Un óleo de dous metros de altura, baseado na estampa nº 6 do libro "Galicia mártir" publicado en 1937. A escea do mestre morto no chan diante de dous nenos conmocionados, é unha denuncia da represión sofrida moi especialmente polos mestres e mestras pero, a maiores, Castelao retrata nesa víctima ao seu amigo Alexandre Bóveda, fusilado o 17 de agosto de 1936.
O cadro é o centro dunha mostra que ten máis elementos: a reproducción física dun aula ou a aportación de numerosas publicacións orixinais da época relacionadas. Castelao foi mestre de debuxo en Pontevedra e a exposición aporta un vídeo no que fala unha alumna súa. Para pechar a mostra, proxéctanse esceas da película "A língua das volvoretas" con texto de Manuel Rivas, que ilustra dramaticamente como se producíu o corte radical cunha educación que quedou frustrada en 1936.
"Castelao Maxistral" ten seis seccións diferentes: 1. Ler, escribir, contar e rezar só en castelán. 2. Castelao, profesor de debuxo. 3. II República, instruir para a liberdade. 4. A derradeira lección do mestre. 5. Algo mudou o panorama. 6. A luz da República.
A exposición produce sensacións encontradas, non deixa indiferente. Daquí a marzo é recomendable visitala. Está aberta a diario, agás os luns, de 10 a 20 horas, con entrada de balde, no terceiro andar do Museo do Gaiás. Cabe a posibilidade de acudir coincidindo coas visitas guiadas por diferentes expertos. A máis inmediata será a guiada polo pedagogo Antón Costa, este mércores 14 de novembro, de 17 a 19 horas.
Os últimos datos; 11.000 persoas visitaron a exposición no mes de outubro. Máis de 900 foron escolares de 16 centros. Ata febreiro outras 70 escolas teñen concertadas visitas.
Publica o teu comentario agora