Catro de cada dez nenos non escoitan galego na escola

Catro de cada dez nenos non escoitan galego na escola

27 de Novembro, 2015 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O idioma galego trátase como unha lingua estranxeira en moitas escolas de Galicia. Denúnciao así a Mesa pola Normalización Lingüística salientando que o 40% dos centros de ensino infantil (3-6 anos) declaran abertamente non utilizaren nunca o galego. Fronte a isto, o 88% das escolas imparten materias en lingua inglesa.

A Mesa pola Normalización Lingüística vén de publicar os resultados do terceiro estudo sobre o uso da lingua galega nos centros de educación infantil. Aqueles que acollen crianzas de entre 3 e 6 anos.

Neste senso, segundo os dados fornecidos pola asociación para a defensa da lingua galega a porcentaxe de centros que usan "maioritariamente" o galego apenas alcanza o 5% mentres que o 75% usa pouco ou nada a lingua propia do país. No entanto, supón un leve incremento a respeito do anterior estudo no que se rexistraban só o 2,5% de centros co galego como lingua preferencia.

Desde A Mesa salientan que se trata dunha "estimación" realizada "dentro das posibilidades dunha entidade social" e aseguran que "corresponde á Xunta" levar a cabo "unha avaliación da situación através da Consellaría de Educación" como recolle "o seu propio Decreto 79/2010".

Así as cousas, coas enquisas distribuídas entre os centros de ensino Infantil das 7 cidades galegas A Mesa constatou que o 40% dos mesmos "declaran abertamente non utilizaren nunca o galego", sendo Vigo, Ourense e Pontevedra "os casos máis preocupantes" con porcentaxes que alcanzan o 67-75% dos centros.

    A Mesa constatou que o 40% dos centros de ensino Infantil (3-6 anos) "declaran abertamente non utilizaren nunca o galego",

Fronte a isto, o 88% dos centros imparten materias en lingua inglesa sendo "moito maior" a disponibilidade de materiais didácticos neste idioma que en galego. Dados que, para A Mesa, reflicten o grao de "extranxeirización" da lingua propia de Galiza.

Enquisas ás familias

Segundo o presidente da Mesa, Marcos Maceira, “para esta exclusión e para a negación dun achegamento mínimo ao galego, serve como escusa o resultado da enquisa á que facía mención o Decretazo 79/2010 contra o galego que, ilegalmente, se segue a realizar no conxunto do ensino". Maceira lembra que o TSXG declarou ilegal esta enquisa ao contradicir o fixado pola lexislación educativa que fixa na administración pública o deseño do ensino regrado e non nas familias.

Sociedade