Catro nenos saharauis pasarán as súas “vacacións en paz” en Fene

Catro nenos saharauis pasarán as súas “vacacións en paz” en Fene

23 de Abril, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Fene colabora un ano máis co pobo saharaui a través do programa “Vacacións en paz”. Facilitar a asistencia médica e de alimentación aos pequenos ou evitar a súa permanencia nos campamentos de refuxiados durante os meses de xullo e agosto, cando as temperaturas acadan cotas superiores aos cincuenta graos. Son algúns dos obxectivos deste programa, promovido pola Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui.

“Vacacións en paz” é un programa de acollemento familiar dun neno ou nena procedente do Sáhara, no período que abrangue dende finais de xuño ata principios de setembro. Dende o departamento de Servizos Sociais do Concello de Fene informan a todas as persoas e familias interesadas -residentes no termo municipal- de que o prazo para solicitar o acollemento está aberto ate o vindeiro 4 de maio.

A traballadora social municipal, Manuela Real, explicou a Radiofusión que os pequenos que participan en “Vacacións en paz” teñen entre sete e doce anos e que, habitualmente, “adoitan integrarse rápidamente e sen dificultades coas familias acolledoras”. Éstas, pola súa banda, asumen o compromiso de coitar e manter aos menores, levalos ás revisións médicas e actividades organizadas pola Asociación, informar semanalmente do seu estado e non iniciar ningún expediente de adopción ou acollemento temporal.

As familias de Fene que teñan interese en participar ou queiran informarse sobre o programa, deben dirixirse aos Servizos Sociais municipais, na Avda. Naturais, nº 44, entrechán, de Fene. Tamén poden chamar aos teléfonos 981342607 ou 981492706

Sociedade