Caxigueiro “modelará” aos alumnos do curso de cerámica municipal de Ferrol

Caxigueiro “modelará” aos alumnos do curso de cerámica municipal de Ferrol

12 de Xaneiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Hoxe é o último día para apuntarse ao curso de cerámica que organiza o Concello de Ferrol. A actividade, impartida polo prestixioso artista Caxigueiro, desenvolverase do 19 de xaneiro ao 22 de abril nas instalacións do Cuartel Sánchez Aguilera. As sesións serán os martes e mércores, en horario de 16.30 a 20.30 do serán.

En palabras de Caxigueiro, “a idea é impartir un curso tradicional aínda que enfocado, sobre todo, á cerámica artística”. A pedagoxía que se vai empregar será persoalizada e adaptada ás características dos alumnos que se inscriban

O curso terá unha duración de cen horas lectivas. Será eminentemente práctico aínda que en cada sesión, engadiu o director da actividade, “reservarase un tempo para facer unha revisión da historia da cerámica contemporánea”.

O número de prazas para participar nesta actividade está limitado a 15 e a matrícula é gratuíta. As persoas que desexen apuntarse deben realizar a súa inscrición no Concello de Ferrol, no Negociado de Cultura ou a través do teléfono 981 944 180. Na folla de inscrición deberá constar, ademais dos datos persoais (nome, apelidos, enderezo, teléfono e e-mail) un currículum vitae resumido e un breve texto no que se especifique o interese de cada persoa polo curso.

Sociedade