Celanova conmemora o 50 aniversario do secuestro do buque Santa María polo DRIL

Celanova conmemora o 50 aniversario do secuestro do buque Santa María polo DRIL

03 de Febreiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Allariz

A Casa dos Poetas en Celanova acolle mañá, ás 19:00, a inauguración da exposición fotográfica de Federico Fernández O meu pai. O exiliado sobre o comandante Soutomaior. Ademais presentarase o libro de Xurxo Martínez Crespo 24 homens e mais nada. A captura do Santa María. Con estas actividades, Celanova conmemorará en o 50 aniversario do secuestro do buque Santa María polo DRIL. Os

José Fernández Vázquez, coñecido como o comandante Soutomaior, funda xunto co celanovés Xosé Velo Mosquera e o portugués Henrique Galvão, o Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación DRIL en Caracas, a comezos dos anos sesenta.

Esta organización será a primeira que se alza en armas no exilio contra o ditador Franco e realizará as súas primeiras accións no Estado español en 1960.

Pero é en 1961, despois do apresamento e execución de dous dos seus membros polo réxime franquista, cando o DRIL, con Soutomaior á cabeza, decide realizar o primeiro secuestro dunha nave con carácter político na historia: o Santa María, da Companhia de Navegação Colonial de Portugal.

O secuestro resultaría unha vitoria mediática e ideolóxica, tanto así que todos, no seu momento, quixeron responsabilizarse intelectualmente da acción armada.

Cultura