Celanova ordena o mundo, 30 anos sen Celso Emilio

Celanova ordena o mundo, 30 anos sen Celso Emilio

26 de Agosto, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Allariz

Naquel val de Celanova no que se diseminan mil aldeas e lugares habitados, que é unha gloria ver coas súas luciñas, de noite, coma un segundo firmamento, desde o mirador da Alameda, fíxose Celso Emilio. Fíxose alí, naquel recuncho sen fondo de memoria e de reminiscencia, e alí deprendeu a amar a Historia e a Natureza.

Tales amores haberían de o acompañar sempre e farían del un home sempre disposto a corrixir o decurso dos feitos sociais e materiais. Amou os homes e a forza asoballante do seu desexo levouno a querer transformar a historia, asaltar o Pazo dos Ceos, querer cambiar de base ao mundo: desde Celanova e desde Galicia.

El éravos tenro; sensíbel coma unha ferida a meo curar, cando proe. O mundo mancábao, facíalle mal. Senlleiro, atristurado desde a perda brutal dos ideais adolescentes en 1936, Celso Emilio soubo vivir con enerxia, arriscadamente, expoñendo as súas radicais incomodidades á intemperie do molesto, con valor.(...)

A paisaxe da memoria
por X.L.Méndez Ferrín
(No libro CELSO EMILIO FERREIRO. Unha fotobiografia. 1912-1979. Edicións Xerais de Galicia.Vigo 1989)

Celso Emilio Ferreiro publicou en 1962 un libro que supuxo o acontecemento máis importante da poesía galega da época: Longa noite de pedra, que coñece un extraordinario éxito en Galicia e fóra dela. Longa noite de pedra contén fundamentalmente poesía social, de ataque ao conformismo, á inxusticia e á opresión. Formalmente caracterízase polo estilo coloquial -apto para a ironía- que define a temática realista da poesía de Celso Emilio. O vindeiro domingo 30 de agosto, cúmprense 30 ano dende o seu falecemento.

Cultura