Cen mil motivos de peso

Cen mil motivos de peso
15 de Novembro, 2018 - 01:11 h. | Publicada por Radio Fene

O proxecto 100.000 motivos de peso recibe un dos premios nacionais, Constantes y Vitales, na categoría de premio á mellor campaña de divulgación en prevención médica. O facultativo promotor do proxecto, Carlos Piñeiro Díaz, recollía o premio hoxe en Madrid. Lembrar que 100.000 motivos de peso é unha iniciativa que pretende implicar a toda a cidadanía do Concello de Narón, e que ten como obxectivo que cada persoa participante reduza nun 10% o seu peso nos dous anos de vixencia do programa (un 5% por cento cada ano). Xunto con isto, por cada quilogramo que se consiga baixar, doaranse quilogramos de alimentos ó Centro de Recursos Solidarios de Narón. Conséguese así un dobre obxectivo, a saúde da poboación e a solidariedade con quen ten unha necesidade.

Carlos Piñeiro médico

Esta iniciativa -adherida á Estratexia de Promoción da Saúde do Ministerio de Sanidade- comezábase o pasado xaneiro coa inclusión de voluntarios e voluntarias para participar. Na actualidade, están rexistrados xa máis de 4.500 participantes, e estase a reducir unha medida de 2.2 quilogramos por persoa. Segundo indica o especialista en Medicina Familiar e Comunitaria, Carlos Piñeiro, xa case se acadou o obxectivo no primeiro ano de vixencia.

Como indican dende Constantes y Vitales, estes galardóns están dirixidos a potenciar, pór en valor, apoiar ou fortalecer o labor investigador dos científicos españois no ámbito da biomedicina, así como as campañas de prevención en saúde.

Tres eixes, un deles, 100.000 motivos de peso

O proxecto premiado englóbase nunha estratexia global que abrangue diversas actividades para loitar contra o que se define como un dos principais problemas de saúde pública do século XXI, a obesidade. Carlos Piñeiro, no seu día a día, ve como o sobrepeso e a obesidade van medrando na poboación; e xa afectan a 4 de cada 10 nenos, e a 6 de cada 10 adultos. A obesidade está implicada directa ou indirectamente en ata 11 tipos de cancro diferentes.

É por isto, que activa unha campaña de participación pública, na que se está a implicar a diversos colectivos e institucións, e na que é a poboación a que pode facer que o reto se consiga. Pivota en tres eixos, os nenos, coa configuración das Cardioescolas; os adultos, cun reto como o premiado, 100.000 motivos de peso; e os maiores, que avogan polo exercicio para evitar a hospitalización ou ter que se medicar.

Neste senso, Carlos Piñeiro quere destacar novamente a colaboración das e dos mestres do Centro de Formación do Profesorado, en Narón, que traballa na creación das Cardioescolas, coa elaboración de materiais didácticos para a promoción da saúde cardiovascular, que os eduquen en actividades favorables para a saúde dos máis pequenos, e os motiven e incrementen a súa actividade física. Na actualidade, xa se conseguiu que máis de 1.200 nenos camiñen ou vaian en bicicleta.

No que se refire ós adultos, estase na fase de incorporación de voluntarios, co diagnóstico sobre a situación do sobrepeso e obesidade da que se parte; e o coñecemento da actividade e o grao de sedentarismo que existe na poboación adscrita ó centro de saúde de Narón. Xa hai 4.500 persoas vinculadas ó proxecto. A seguinte fase é a organización de diversas actividades e talleres relacionados co cambio da mentalidade alimentaria e de xeración de cultura de alimentación e actividade cardiosaudable.

Por último, o terceiro dos eixos baséase no traballo con persoas maiores de 70 anos e un grupo de control. Os participantes neste proxecto realizan actividades como baile ou ximnasia terapéuticas e natación; e camiñan unha media de 8 quilómetros diarios. Xa se está a detectar como as persoas que optan por estas actividade teñen un menor ingreso hospitalario e consumen menos medicamentos que o grupo que non realiza estas actividades.
100.000 motivos de peso é premiado a nivel nacional, e este proxecto está sendo amplamente recoñecido, xa hai uns meses era Premio Europeo da Obesidade 2018 ó Mellor Programa de Participación Pública. Nesa ocasión, ese galardón era recollido polo facultativo Carlos Pìñeiro Díaz, durante o 25 Congreso Europeo da Obesidade, que tiña lugar en Viena.

Sociedade

Publica o teu comentario agora