Centos de atletas participarán este domingo na XVI Carreira Popular de Ordes

Centos de atletas participarán este domingo na XVI Carreira Popular de Ordes

24 de Xuño, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

Centos de atletas, máis de medio milleiro tendo en conta as diferentes categorías, daranse cita este domingo día 26 de xuño nun dos eventos deportivos máis importantes de Ordes, a Carreira Popular. Unha carreira que vai xa pola súa décimo sexta edición e que xa se ten convertido nun referente deportivo.

Nesta ocasión establecéronse diferentes categorías para os participantes que poden estar federados ou non. Así celebraranse as probas nas categorías baby, prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete, xuvenil, júnior, promesa, sénior, veteranos/-as A, veteranos/-as B, veteranos/-as C, veteranos/-as D. O control técnico das probas correrá a cargo do Comité de Xuíces da Federación Galega de Atletismo.

En canto aos horarios das carreiras, a correspondente ás categorías infantil e cadete dará comenzo ás 10:30 horas; a de baby e prebenxamín ás 11:00 horas; a carreira absoluta na que participarán os corredores das categorías xuvenil, júnior, promesa, sénior e veteranos sairá ás 11:20 horas; e a proba das categorías benxamín e alevín terá lugar ás 11:30 horas.

Os dorsais e os chips recolleranse ata media hora antes do inicio da proba na Secretaría da Competición que estará instalada no Concello, ao carón da saída.

Corte de tráfico

Con motivo deste evento deportivo, durante a mañá, a N-550 ao seu paso polo centro do municipio, dende o cruce coa rúa Rosalía de Castro ata o cruce principal, estará cortada ao tráfico. Tal e como informaron dende a Policía Local do Concello de Ordes estableceranse desvíos alternativos para o tráfico.

Trofeos e premios

Haberá trofeos para os tres primeiros clasificados de cada categoría. Tamén se outorgará trofeo aos tres primeiros clasificados do municipio na proba absoluta en mulleres e homes; ao participante máis novo e ao máis veterano que logre concluir a proba. Os trofeos non serán acumulativos.

En canto aos premios en metálico, na carreira absoluta (categorías xuvenil, júnior, promesa, sénior e veteranos) haberá premios individuais, por equipos e por grupos do municipio:

- Premios Individuais (Iguais para mulleres e homes)
1º clasificado: 200 euros
2º clasificado: 100 euros
3º clasificado: 80 euros

- Premios por equipos
1º equipo clasificado: 200 euros
2º equipo clasificado: 150 euros
3º equipo clasificado: 100 euros

- Premios por grupos do municipio:
1º grupo clasificado: 200 euros
2º grupo clasificado: 175 euros
3º grupo clasificado: 150 euros
4º grupo clasificado: 100 euros
5º grupo clasificado: 80 euros

Ademais haberá un premio especial de 150 euros para o centro educativo de Ordes que aporte o maior número de participantes.

Deportes