Chámome Andrés

Chámome Andrés
06 de Abril, 2021 - 12:17 h. | Publicada por Radio Fene

Na fin de semana pasada inaugurouse no Centro Cultural Torrente Ballester de Ferrol a exposición “Andrés do Barro: Pop, saudade e memoria. Unha ollada dende Ferrolterra”, comisariada pola súa filla, Andrea Lapique, e o seu biógrafo, Fernando Fernández Rego.

Recordos.

Eramos adolescentes naquel Ferrol berce de Andrés do Barro. Cando chegaron os ecos do seu éxito en Madrid, sentímonos orgullosos e orgullosas del. Dábase a circunstancia de que un primo seu, Pedro Lapique, era membro da nosa pandilla que tiña como centro de reunión o Cantón de Molíns. Persoalmente soltaba que era “amiga do primo de Andrés do Barro” alí onde non mo preguntaban. Semella que así estaba máis preto do artista que, por certo, nos parecía guapiño e boa persoa. Non nos perdemos ningún single das súas cancións, rematados naquela cantinela “Está como nunca, está como nunca, está como nunca, Fundador”. No comedor, sobre o picú verde, daba voltas a todo trapo “O tren” ou “Corpiño xeitoso” e os nosos corpos xeitosos de 13 anos bailaban ata a desintegración. Os de Andrés do Barro estaban á mesma altura que Los Diablos ou Pequeniques ou Los Mustang, que eran moi importantes. A pesar de ser naqueles anos castelán-parlantes gustounos a idea de que o noso Andrés cantara en galego. Por suposto non nos perdemos a película que protagonizou xunto a Concha Velasco estreada a finais de 1971. Todas queriamos casar con el e todas sentimos a súa prematura morte aos 42 anos.

A exposición.

Todos este recordos veñen á cabeza cando visitas a exposición que acolle estes dias o centro cultural Torrente Ballester. Na fin de semana pasada abriu a exposición “Andrés do Barro: Pop, saudade e memoria. Unha ollada dende Ferrolterra”, comisariada pola súa filla, Andrea Lapique, e o seu biógrafo, Fernando Fernández Rego. A mostra inclúe a discografía orixinal e versións realizadas sobre ela; fotografías das súas primeiras actuacións e cancioneiros publicitarios coa súa obra. Tamén atopamos carteis e fotografías promocionais do filme Na rede da túa canción; imaxes; recortes e portadas de prensa musical e de revistas de sociedade que amosan anacos da vida e a obra do cantante. Tamén se expoñen carteis das homenaxes recibidas. Nunha sala contigua podese disfrutar das imaxes que se conservan de concertos, video-clips e película que protagonizou. A mostra pódese visitar na sala Bello Piñeiro até o próximo 23 de maio, en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas de martes a sábado. Os domingos e festivos estará aberta só polas mañás. Un texto á entrada da exposición, obra do comisario, Fernando Fernández Rego, resume que «Andrés do Barro é o máis grande artista galego de todos os tempos. E era de Ferrol e pasaba os veráns en Cabanas e Pontedeume». Ademais, na súa figura «está a xénese do pop en Galicia». E é que foi autor e compositor de catro números un nas listas de vendas nacionais: O tren, San Antón, Corpiño xeitoso e Pandeirada, en plena ditadura franquista, o que supuxo «unha fazaña tamén na historia dos idiomas oficiais en España». Anunciouse que, con motivo desta exposición, está a piques de sair un libro- disco con quince éxitos, versionados por artistas ferroláns. 

(Na imaxe, unha das fotos expostas na mostra de Ferrol)

Cultura

Publica o teu comentario agora