Chega a Allariz “Os soños de Walla”, o teatro reflexivo da ESAD

Chega a Allariz “Os soños de Walla”, o teatro reflexivo da ESAD

26 de Novembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Allariz

A situación da muller nos países en vías de desenvolvemento, o seu difícil acceso á educación, a miseria e a fame, son algúns dos temas que interesan ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e sobre os que a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD) nos fai reflexionar na peza teatral Os soños de Walla, escrita por un alumn

A obra resulta dun programa de colaboración entre a ESAD e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade que leva por nome “teatrAcción”. Unha iniciativa que busca promover a utilización do teatro como ferramenta de sensibilización cidadá. Trátase dun proxecto de voluntariado teatral, con alumnos da Escola Superior de Arte Dramática como protagonistas, preto de 30 persoas colaboran de modo desinteresado para pór en escena un espectáculo reflexivo que sobe ás táboas a 16 actores, de momento, afeccionados.

Julio Fernández encargouse de escribir Os soños de Walla e tamén do atrezzo. A peza conta a historia dunha adolescente africana con muletas empeñada en ir á escola que, ante o impedimento da súa minusvalía física e da longa distancia que separa a súa aldea da escola máis próxima, afronta o seu desexo de aprendizaxe cos obstáculos determinados polos seus prexuízos e a discriminación existente no seu entorno. O seu soño de aprendizaxe encerra tamén a súa pretensión de xerar ilusión ao seu redor.

Os soños de Walla chega este venres, 27 de novembro, á Casa da Cultura de Allariz. O sábado 12 de decembro será a quenda do Auditorio Municipal de Viveiro e unha semana máis tarde, o 19, da Casa da Cultura do Barco de Valdeorras. A cidade das Burgas acollerá a obra no Auditorio Municipal o domingo día 20; e xa en xaneiro, o 15, tocaralle ao Auditorio Municipal de Ribeira e o 16 ao Auditorio Gabriel García Márquez de Oleiros. As dúas últimas representacións terán lugar na Casa da Cultura de Outes o sábado 23 de xaneiro e o 30 no Auditorio Municipal V Centenario de Baiona.

Cultura