Chegan a Fene os "Animais de Biblioteca"

Chegan a Fene os "Animais de Biblioteca"

19 de Maio, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

"Din os máis vellos do lugar que cando se apagan as luces óense ruidos na biblioteca". Contan tamén esas lendas que os ruidos proveñen dos animais que moran nos libros, seres fantásticos e misteriosos que cobran vida nos obradoiros de Fátima Fernández. A contacontos e animadora estará mañá en Fene, ao fronte dunha das actividades que organiza a Biblioteca Municipal Pérez Parallé para conmemorar o "mes das Letr

A actividade vai dirixida a nenos e nenas de cinco anos en diante. Para participar cómpre anotarse nas mesmas instalacións da Casa da Cultura de Fene ou chamar por teléfono ao 981-342302, xa que o número de prazas é limitado. Segundo a responsable deste departamento, Sonia Iglesias, "Animais de Biblioteca é un obradoiro, á vez que animación, no que os nenos e nenas toman parte activa, elaborando un libro que logo quedará exposto na propia biblioteca".

Logo desta actividade que comezará o xoves ás seis do serán, o venres 21 de maio collerán o relevo as regueifas no salón de actos da Casa da Cultura. Ese día, membros da Asociación Oral de Galicia realizarán unha sesión de improvisación oral en verso como complemento das actividades que se celebran ao redor do Obradoiro Literario de Fene. O acto, previsto para as oito da tarde, será aberto ao público.

Para rematar o Mes das Letras, a bibliotecaria de Fene anuncia unha sesión de teatro de monicreques para todos os públicos. O grupo Tarabelos presentará o 26 de maio, a partir das sete do serán, o seu espectáculo "Mistos o dragón".

Sociedade