Cidadanía, convivencia e integración

Cidadanía, convivencia e integración

26 de Maio, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

O concelleiro de Servizos Sociais de Ordes, Jesús Pampín, presentaba esta mañá o inicio dun novo proxecto que se levará a cabo dende o seu departamento, a elaboración do “1º Plan Municipal de Cidadanía, Convivencia e Integración”. No acto, o concelleiro ordense estivo acompañado por Francisco Hurtado, da ONG Ecos do Sur, e Ismael Blanco, representante da empresa Grupo OBZ Consulting, ambas entidades que estarán encargadas

Tal e como explicou o edil, Jesús Pampín, o que se pretende coa elaboración deste plan é poder recoller as inquedanzas locais, coa finalidade de planificar actuacións acordes coa realidade demográfica e socioeconómica do municipio e fomentar a plena integración na vida social, política, económica e cultural, en igualdade de condicións, de todas as persoas residentes no municipio, independentemente da súa procedencia. “As administracións públicas debemos facer políticas sociais de calidade e para iso hai que coñecer a realidade social do municipio. Trátase dun plan moi ambicioso non só en obxectivos, senón tamén en contidos, que pretendemos sexa o máis participativo posible e no que se involucrarán todos os axentes sociais do municipio”.

Por outra banda, Francisco Hurtado de Ecos do Sur quixo agradecer ao Concello de Ordes que posibilite a realización deste plan, calificándoo como todo un “reto”. Explicou que se realizará un diagnóstico da realidade social do municipio contando con todos os axentes sociais, para despois definir e planificar as actuacións a realizar no futuro. Hurtado quixo ademais destacar que se tratará dun plan que estará elaborado por tres organismos fundamentais como é “o Concello que é quen mellor coñece a realidade do municipio, o Grupo OBZ Consulting que é unha empresa especializada na elaboración de plans sociais, e nós, Ecos do Sur, que tamén temos unha gran experiencia no traballo co colectivo de inmigrantes, emigrantes retornados, e poboación en xeral”.

Ismael Blanco, do Grupo OBZ Consulting, insistiu no carácter participativo deste plan que asegurou, se realizará con técnicas “o máis participativas posible”. Así explicou que para coñecer a realidade social de Ordes e facer o diagnóstico se realizarán entrevistas tanto persoais como grupais, ademais de dous tipos de enquisas. Unha destas enquisas farase á poboación de orixe galego ou español residente en Ordes, co fin de coñecer o grao de prexuizo que hai cara os inmigrantes e emigrantes retornados, as súas opinións e demais. A outra enquisa irá dirixida á poboación inmigrante e emigrante retornada para ver a súa visión, así como as necesidades de tipo social e incluso persoal que encontran no municipio. Ademais tamén se farán mesas e grupos de traballo.

Tal e como explicou Ismael Blanco, os productos finais que se conseguirán tras todo o traballo serán un diagnóstico da realidade social de Ordes, un mapa de recursos que permitirá coñecer todo o que hai no Concello a disposición do inmigrante, o emigrante retornado e á poboación en xeral que reside aquí, e finalmente o plan de actuación a seguir. Indicou ademais que esperan que este proxecto se poida convertir nunha boa práctica e que sirva de referencia para outros concellos.

Durante as próximas semanas comenzaranse os traballos con diversas entrevistas e xuntanzas con representantes do tecido asociativo local, así como con distintos organismos e entidades tales como centros educativos e o centro de saúde, entre outros.

Para suxestións e recomendacións das persoas interesadas en colaborar neste proxecto, o Concello pon a disposición o número de teléfono 981680002 en horario de 8 a 15 horas.

Sociedade