A Cidade da Cultura bota a andar

A Cidade da Cultura bota a andar

28 de Decembro, 2008 - 12:00 h. | Publicada por

Mañá luns constituese o Padroado da Fundación da Cidade da Cultura. O ente conta co 51% de capital privado e co 49% público. O presidente da Xunta Emilio Pérez Touriño e a conselleira de Cultura e Deportes Anxela Bugallo aproveitarán o dia para visitar as obras do complexo que se pretende convertir nunha das iconas de Santiago de Compostela e de Galicia.

O Padroado da Fundación da Cidade da Cultura, dirixido por Juan Manuel Urgoiti, será a responsable de xestionar todo canto atinxe ao gran contedor cultural do país que a Administración Fraga legou ao bipartito en estado embrionario. Agora que a obra segue definitivamente adiante, cómpre decidirmos que facer con ela.

Para iso, non deixan de bulir as ideas, como as que se pretenden recoller no I Congreso Internacional Lugares de Cultura, no que se abordará o papel que xogan os equipamentos culturais como ferramenta de desenvolvemento dos territorios. Desenvolveráse no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela entre o 21 e o 24 de xaneiro. A capital galega convertirase nun foro de primeiro nivel internacional no que 20 expertos chegados de todo o mundo falarán de como a cultura e o investimento en proxectos como o do Gaiás dinamiza a súa contorna.

Preténdese aprender das boas prácticas que se están a desenvolver no momento actual. "De cote asociamos o gasto no sector cultural como un gasto só en divertimento, pero cada vez máis a cultura enténdese tamén como un factor de desenvolvemento". Así o explicaba a Radiofusión o politólogo e asesor en políticas culturais da Xunta de Galicia Xaime Subiela, quen forma parte do Comité Científico do Congreso.

A ponencia inaugural correrá a cargo de Robert Palmer, director de Cultura e Patrimonio Cultural e Natural do Consello de Europa, responsable da entidade continental máis relevante na cuestión e un dos maiores expertos na aplicación da cultura ao desenvolvemento.

Sociedade