A cidade real e marabillosa

A cidade real e marabillosa
12 de Novembro, 2019 - 08:46 h. | Publicada por Radio Fene

"Contra Fidel ni jugando a la pelota" di un valado publicitario chantado ó pé dunhas instalacións deportivas, acompañado dunha imaxe épica do comandante. Carteis como este, enxalzando a Fidel ou ó Partido, son frecuentes ó longo das estradas, nas rotondas, no medio dunha intersección e incluso nas fachadas dos edificios gobernamentais en Cuba.

ESCOITA O PODCAST:

Reportaxe de Daniel García sobre Cuba hoxe

http://173.255.131.18/audio/121119GARCIA.mp3

Entendemos de amor, non de odio

Fidel abandonou o poder no 2008 e faleceu no 2016. Neste tempo, Cuba tivo tempo para irse abrindo o mundo e para que a volveran pechar. A día de hoxe, o bloqueo ó país condiciona a vida cotiá, con problemas de abastecemento ou escaseza de combustible. A eterna inimizade cos Estados Unidos centra o debate na rúa entre aqueles que a padecen e copa tamén boa parte do tempo nos medios de comunicación.

Dende 1962 está implantada unha libreta de racionamento, que regula a venda de alimentos. Naceu para facerlle fronte á escaseza de comida. Dende aquela ata hoxe foi adelgazando. Agora, a través dela repártense pouco máis de catro cousas: arroz, azucre, leite en pó para on nenos da Habana e líquido para o resto e algo de polo.

Con todo, o abastecemento de bens é un problema xeneralizado. Nos establecementos máis grandes do centro, moi caro. Nas pequenas tendas dos barrios, case nada que mercar. Entre o que máis falta, produtos de hixiene e limpeza.

Nos últimos tempos, así e todo, moitas cousas foron cambiando. A apertura ó exterior, que permite o asentamento de certas empresas de fóra, supuxo un revulsivo para moitos sectores económicos, entre eles, o turismo.

Nun bar, un turista xa pode escoller entre Fiesta Cola, Tu Kola e si, agora si, Coca-Cola. Para os que agora volven pisa-la illa despois duns cantos anos, atópanse cun país diferente.

A atención médica é un piar fundamental para o goberno revolucionario. Tamén a sanidade que, malia as súas sombras é a envexa dos países da contorna. Acada índices comparables cos dun país totalmente desenvolto cun orzamento propio dun lugar en vías de desenvolvemento.

Durante a expedición de Caamouco por Cuba, pasamos tamén por diante de varias escolas. No rural todas son cortadas polo mesmo patrón: pequenas e humildes construcións de planta baixa, cun xardín diante para xogar, presidido sempre por un busto de José Martí, o heroe nacional.

A fermosa arquitectura da Habana é testemuña do esplendor que, noutrora, viviu a cidade. Os edificios máis céntricos gardan aínda a esencia dese tempo pasado. Non moi lonxe do centro neurálxico, as casas conservan ornamentos arredor de portas e ventás, grandes balcóns, porches e xardíns.

O paso dos anos deixouse notar nas construcións. Moitas delas esmorecen ós poucos, sen solución posible. Algunhas mesmo acumulan diante da porte moreas de escombros que ninguén vai retirar.

A pesar do estado de moitos inmobles e rúas, A Habana viviu nos últimos meses un auténtico lavado de cara. A conmemoración do 500 aniversario da fundación da cidade traduciuse nunha importante batería de actuacións. Preto do Capitolio, por exemplo, onde en cuestión de días terá lugar un desfile televisado, as avenidas locen brillantes liñas brancas pintadas nas últimas semanas. Os xardíns nesta zona están coidados ata o máis mínimo detalle.

Aínda así, A Habana non perde os folgos. Cada día érguese como a cidade "real e marabillosa" que é. Este por certo, é o lema da súa fundación. Dúas palabras que definen á perfección a esencia do corazón dun país que non deixa indiferente a ningún dos seus visitantes.

 

Daniel García 

Cultura

Publica o teu comentario agora