Cifras e letras

Fene celebra os Premios Curuxa mentres prepara os Orzamentos de 2020
27 de Setembro, 2019 - 10:05 h. | Publicada por Radio Fene

A concelleira de Cultura e Facenda, Rocío Bértoa, convída á veciñanza á entrega dos Premios Curuxa esta tarde e a que participen nalgunha das escolas culturais municipais cuxo prazo se abre o 2 de outubro. Bertoa falou, como edil de Facenda, da preparación dos orzamentos municipais para o 2020. Tentará entregar un borrador aos grupos da oposición no mes de outubro.

ESCOITA O PODCAST:

O Museo do Humor de Fene vive hoxe un dos seus dias grandes. Ás sete da tarde inaugúrase a exposición dunha selección dos traballos presentados aos Premios Curuxa 2019, máis de corenta. Entre eles están os gañadores do Curuxa Nova e o Curuxa Gráfica. O tema do debuxo gañador (na imaxe) está de vibrante actualidade, segundo lembrou esta mañá en Radio Fene a concelleira de Cultura Rocío Bértoa. Para coroar o acto, o monologuista David Perdomo ofrecerá o seu espectáculo a partir das oito da tarde, con entrada de balde. Haberá que recoller os convites previamente na Casa da Cultura de Fene.

Orzamentos.

O Concello de Fene ten intención de aprobar os orzamentos do 2020 antes de final de ano. A concelleira de Facenda Rocío Bértoa asegurou que no mes de outubro entregará un borrador ao conxunto dos grupos políticos dos que solicitarán as súas aportacións. Declarou Rocío Bertoa en Radio Fene que neste momento estase estudando como repercute a baixada de impostos na contribución urbana e rústica en 2018, na actual recadación .

A concelleira de Facenda, Rocío Bértoa falounos tamén das subvencións nominativas ás entidades sociais e culturais de Fene. Afirma que este é un paso máis na estreita relación entre o concello e a rede social da localidade, xa que estas axudas danse a actividades concretas e puntuais organizadas polas entidades cun esforzo especial. Exemplos son o Felicia Pop festival da AVV de Limodre; a recreación das Lavandeiras de Sillobre ou o Fene Rock de San Valentín.

Escolas Culturais Municipais.

Anima tamén á veciñanza, como responsable de Cultura, a inscribirse nas Escolas Culturais Municipais que teñen unha ampla oferta para este curso. Bértoa citou como novidade un obradoiro de cociña que sustituirá a "Cociña para vagos" e que consistirá en diferentes obradoiros puntuais ao longo do ano sobre cociña específica. Puxo de exemplo a cociña do Nadal ou do Entroido. No pavillón A Xunqueira de San Valentín recólleranse as matrículas das escolas culturais, entre o 2 e o 8 de outubro.

Institucional

Publica o teu comentario agora