A CIG alerta do paro na mocidade e pide “Que emigre Feijoo!”

A CIG alerta do paro na mocidade e pide “Que emigre Feijoo!”

11 de Xaneiro, 2013 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

A CIG vén de convocar unha xornada de loita para denunciar a sangría demográfica que está a sufrir o noso país e que afecta especialmente á mocidade. Segundo a central nacionalista, a situación é de tal gravidade que dos 166.800 postos de traballo destruídos nestes 4 anos, 149.100 estaban ocupados por menores de 35 anos; destes, máis de 77.164 optaron por emigrar, neste período, en busca dunha alternativa laboral que non atoparon e

A campaña consistirá nun reparto masivo de material informativo nos centros de ensino superior e universitario, así como nas oficinas do INEM e os centros de traballo, e na convocatoria de concentracións simultáneas en todas as cidades galegas o vindeiro mércores, día 16 de xaneiro, ás 12:00 horas, diante dos edificios administrativos da Xunta de Galiza, agás en Ourense, onde será ás 20:00 horas e diante da Subddelegación do Goberno. O obxectivo é facer un percorrido polas últimas reformas e medidas postas en marcha polo goberno do PP tanto en Galiza como no estado, e que “no canto de ser un referente para saírmos da crise, na práctica supoñen un ataque frontal cotra os dereitos da mocidade”.

Corral salientou que alén das alarmantes cifras de desemprego, unha boa parte da mocidade galega carece de cobertura e protección social, por mor da temporalidade e da tipoloxía dos contratos e denunciou que só 15 destes distintos tipos contratos “cumpren cos requisitos para acceder a unha prestación por desemprego”.

Xunto a isto, lamentou que malia ser a xeración máis formada da historia de Galiza, “non atopan traballo, polo que se ven na obriga de emigrar”. Tal é así, que en 2012, 25.472 mozos e mozas de entre 20 e 34 anos abandonaron Galiza, 2.122 ao mes, preto de 70 cada día. “Non van de vacacións, nin en busca de aventura”, dixo, “emigran por necesidade” denunciando “a imaxe bucólica que o PP pretende difundir sobre a emigración, de que é unha oportunidade para aprender idiomas, coñecer xente... agachando a verdadeira realidade: é unha xeración perdida para o noso país que non retornará”.

Alén da situación de desemprego, Corral denunciou tamén a súa situación social na que se atopan. “Carecen de asistencia sanitaria, ou dependen da cobertura dos seus pais e nais, ou teñen que solicitar a tarxeta para persoas sen recursos” e moitos/as “non poden seguir estudando porque as taxas cada vez son máis altas e as bolsas de estudo máis cativas”.

A isto engadiu a denuncia do uso fraudulento que se está a facer de bolsas para encubrir postos de traballo; as súas precarias condicións salariais, a temporalidade, a imposibilidade para emanciparse e a clamorosa ausencia de políticas dirixidas á mocidade. “Están roubando o futuro das mozas e mozos e, con el, están roubando o futuro de Galiza”, concluíu, chamando a participar nas concentracións “para pór freo a estas políticas”.

Os datos

Segundo o informe elaborado por Natividade López Gromaz, responsábel do Gabinete Técnico de Economía da CIG, desde que no ano 2008 comezou a destrución de emprego, e ata o terceiro trimestre de 2012 perdéronse en Galiza 166.800 postos de traballo segundo a Enquisa de Poboación Activa (EPA). Isto afectou a practicamente todos os grupos de idade, pero é a xente nova a máis prexudicada, xa que dos 166.800, 149.100 tiñan menos de 35 anos, o 89,4% do total, dato que fala por si mesmo.

Esta elevada perda de ocupación non se trasladou totalmente á lista do paro. En termos absolutos, medrou o número de desempregados/as en 151.600. Esta diferenza entre medre do desemprego e perda de ocupación explícaa, en parte, porque unha porcentaxe dos ocupados/as que deixaron de selo pasan á poboación inactiva vía xubilacións, prexubilacións, etc. Porén, isto non serve para as e os menores de 35 anos, e entre estes aumentou o desemprego en só 63.700. A pregunta é a onde foron parar as/os 149.100 restantes.

Ao entender de López Gromaz, todo parece indicar que un grupo destes mozos e mozas retornaron ao sistema educativo para ampliar unha formación que en moitos casos se vira truncada polas favorábeis expectativas que ofrecía o mercado de traballo nestes últimos anos, acollendo persoal sen formación específica e relativamente ben remunerado. Unha vez pasado o boom, sobre todo inmobiliario, están sen traballo e sen formación, polo que algúns/unhas optan por retornaren aos estudos.

Con todo, hai un número moi importante da mocidade, cun alto nivel de formación, que tampouco atopa traballo e que opta pola emigración. Tal foi así que en apenas catro anos 77.164 persoas de entre 15 e 35 anos emigraron. . Ademais, o grupo máis numeroso é o de 25 a 29 anos, entre os que descendeu a poboación en Galiza en 32.691 neste período. Os datos son demoledores.

Trátase dunha emigración que “non ten ningunha semellanza coa de épocas anteriores, cando marchaba a poboación menos cualificada, por un tempo determinado, no cal aforraba o máximo posíbel e enviaba divisas para aquí, o que axudou moito a levantar este país” explica Natividade López. “Hoxe non é iso; marcha xente preparada para vivir fóra, onde atopa unhas condicións laborais moito mellores que as de aquí, e na súa mente non está aforrar e volver a inverter aquí, senón vivir onde as condicións lle permitan desenvolver os seus coñecementos e ter unha vida digna”.

A mocidade é tamén a máis prexudicada tanto en rebaixa de salarios que se sitúan, no ano 2011, nunha media de 7.511 euros entre os 18 e os 25 anos e nos 15.000 euros entre os 26 e os 35 anos. Esa perda salarial dáse, segundo López Gromaz “ben por modificacións nas condicións laborais, ben por porque as novas e os novos asalariados que entran a traballar xa o fan en peores condicións que os anteriores”.

Sociedade