A CIG reclama o cesamento do Delegado Territorial en Ourense por nepotismo

A CIG reclama o cesamento do Delegado Territorial en Ourense por nepotismo

20 de Abril, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Allariz

A CIG denuncia que o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, reservou un posto de traballo para a súa muller e impide que a praza saia a concurso, o que cualifica como un caso de nepotismo "completamente inaceptable".

A praza en cuestión é a de camareira e limpadora na Residencia do Maior do Carballiño, que arestora ocupa a esposa do delegado e que, segundo a central nacionalista, podería estar pendente de amortización pola construción dunha nova instalación para a atención de maiores dependentes no devandito municipio ourensán. O sindicato lembra que hai unha proposta da Xunta para eliminar nove postos de traballo públicos correspondentes ao grupo V, e pide que a Administración rectifique e os conserve ao completo. Agora ben, se o praza se mantén, CIG entende que debe rematarse coa situación de interinidade que beneficia á muller de Rogelio Martínez e inserir o seu posto na relación dispoñible no concurso de traslados, para "darlle a oportunidade ao persoal fixo de acceder ao mesmo".

En troques diso, estaríase a "blindar para que continúe traballando esa persoa" a comenencia do alto cargo da Xunta. A organización láiase de que "os principios de Igualdade, Mérito e Capacidade non sirvan para nada cando se trata de familiares dos mandatarios do Partido Popular". CIG defende que o caso é suficientemente grave como para reclamar o cesamento do Delegado Territorial en Ourense ou dos responsables de Función Pública e da Secretaría Técnica da Consellaría de Traballo. A todos eles fainos responsables do que cualifican como unha "tropelía".

Sociedade