Cinco comparsas arrufarán o entroido de As Pontes

Cinco comparsas arrufarán o entroido de As Pontes

04 de Marzo, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Eume

A peculiar versión dos ponteses e pontesas en clave de humor e sarcasmo subirase de novo ao escenario do auditorio municipal Alovi o vindeiro domingo, na que será a oitava edición do Festival de Comparsas Vila de As Pontes. Unha cita que, ano tras ano, congrega a unha importante cantidade de público con ganas de pasar unha tarde de domingo de antroido entre gargalladas, chistes e rimas do máis estrafalarias.

Un total de cinco comparsas do municipio e arredores tomarán parte neste certame que dará comezo ás 18.00 horas, no que se analizarán, como ven sendo habitual, os temas que máis deron que falar aos veciños e veciñas ao longo do último ano. Entre eles poderemos atopar dende asuntos de relevancia mundial ata as problemáticas que marcaron a actualidade local destes doce meses. 

Para esta ocasión polo auditorio municipal Alovi pasarán as formacións: Os Indios, integrada por membros da Asociación Cultural Alende, A Troula Carnavaleira cuxos compoñentes forman parte das diferentes escolas municipais de Cultura; os Tunantes Folclóricos da Asociación de Veciños de A Choupana; a comparsa Castro da Uz, formada por alumnos do instituto pontés e, finalmente, A Despedida de solteira da Duquesa de Alba, procedentes tanto de As Pontes coma de concellos limítrofes. 

Desde o concello, animan a tódolos veciños e veciñas a achegarse o domingo ata o Alovi co fin de pasar unha entretida tarde na que está asegurada a risa polas  múltiples gracias dos repertorios das agrupacións. Repartiranse 2.500 euros entre as comparsas participantes, ao que se sumará un premio á que presente o mellor vestiario, outro para a que idee as letras máis orixinais e, finalmente, un último agasallo para a formación que presente o mellor espectáculo.

Sociedade