Cinco concellos galegos “iluminan” a loita contra a pena de morte

Cinco concellos galegos “iluminan” a loita contra a pena de morte

30 de Novembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

Algúns dos edificios máis representativos do planeta énchese hoxe de luz para visibilizar a loita contra a pena de morte. 1300 cidades de 83 países diferentes, entre elas cinco galegas, conmemoran a Xornada Mundial Cidades pola vida. A Coruña, Culleredo, Sada, Pontedeume e Vigo súmanse a esta causa, mentres que en Lugo e Santiago se realizarán esta tarde recollidas de firmas a prol da abolición da pena capital.

Na actualidade, hai 139 países países abolicionistas na lei ou na práctica en todo o mundo. Só unha minoría dos países retencionistas (58) segue executando. En 2009 sóubose de execucións en 18 países, segundo datos de Amnistía Internacional, aínda que a cifra de países nos que se impuxeron sentenzas a matar ascende a 56. No continente europeo só Bielorrusia continua executando (volveuno a facer en 2010), e no americano só Estados Unidos executou en 2009. Moi poucos países executan no África subsahariana (en 2009 só o fixeron Botsuana e Sudán). En China, o país do mundo onde levan a cabo máis execucións, aínda que non é posible coñecer a cifra real, anunciouse unha reforma que suprimiría 13 dos 68 delitos punibles coa morte.

Malia os avances producidos, desde Amnistía Internacional inciden en que aínda queda moito traballo para acabar coa pena capital. Máis de 17.000 persoas seguían condenadas á morte a finais de 2009. Amnistía Internacional tivo noticia de polo menos 714 execucións durante o ano 2009, producíndose a inmensa maioría en Irán, Iraq, Arabia Saudita e Estados Unidos. Con todo, este total non inclúe os miles de execucións que presumiblemente se consumaron en China. Hoxe en Irán séguese executando a menores e séguese condenando a mulleres e homes a morrer lapidados. Asemade, un cidadán español, Pablo Ibar, segue nun corredor da morte de Estados Unidos, á espera de que o tribunal supremo de Florida acepte a repetición do xuízo no que foi condenado.

Encheranse hoxe de luz cidades como Canberra, Kinshasha, Quito, Bos Aires, Bogotá, Berlín, Amsterdam, México DF ou Maputo, entre moitas outras. En España iluminaranse edificios como o Congreso dos Deputados en Madrid, ou os concellos de Burgos, Vitoria ou Santander, así como lugares representativos de Barcelona, Oviedo, Málaga, Salamanca, Badajoz ou Logroño.

Sociedade