Cinco intervencións no patrimonio cultural galego

Cinco intervencións no patrimonio cultural galego

15 de Marzo, 2016 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

Os arquitectos Alberto Redondo e Marcial Rodríguez ofrecen hoxe na Real Academia Galega de Belas Artes unha conferencia sobre cinco intervencións no patrimonio cultural de Galicia. Trátase dunha nova sesión do ciclo Martes das Artes coa conferencia “Cinco intervencións sobre o patrimonio cultural de Galicia: Desde Campo Lameiro ata as murallas da Coruña” Será ás 20:00 horas no salón de actos da Academia na Coruña.

A charla versará sobre a exposición de cinco traballos realizados polo estudio de arquitectura RVR Arquitectos nos últimos anos sobre o patrimonio cultural de Galicia, de distinta escala e natureza. Falarán sobre o parque arqueolóxico e centro de interpretación e documentación da arte rupestre de Campo Lameiro (Pontevedra) e a súa arquitectura para a posta en valor do patrimonio cultural. Comentarán tamén a adecuación da contorna do Faro de Fisterra (premio COAG 2009 en espazos exteriores) e a intervención sobre o espazo público en relación coa paisaxe.

Ademais, farán unha exposición sobre a posta en valor do borde litoral entre Porto do Son e o Castro de Baroña e a recuperación dun itinerario peonil como recurso turístico, cultural e de lecer do borde litoral situado entre ambas vilas. Xa na Coruña, analizarán a mellora da accesibilidade peonil na cidade vella e cara a muralla histórica desde o paseo do Parrote e a súa intervención sobre o patrimonio no espazo público nun contexto urbano. Finalmente, os arquitectos explicarán a definición do trazado e delimitación do Camiño Primitivo e do Norte de peregrinación a Santiago de Compostela cun estudo sobre a relación do patrimonio co territorio e a paisaxe.

Sociedade