Coñecer a fondo o servizo de abastecemento de auga

Coñecer a fondo o servizo de abastecemento de auga
04 de Xaneiro, 2019 - 09:50 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Fene quere coñecer a fondo o funcionamento do servizo de abastecemento de auga e a situación laboral dos traballadores de Viaqua, antes de adoptar unha decisión sobre a súa xestión. Na actualidade Viaqua ten prorrogada a concesión, despois de finalizar a vixencia do contrato no pasado 2018.

ESCOITA O PODCAST:

Gumersindo Galego (PP) e Juventino Trigo (BNG) opinan sobre os asuntos tratados no Pleno do Concello de Fene

http://173.255.131.18/audio/040119GALEGO.mp3

Escoitamos tamén as opinións de Antón Noceda, do PSdeG PSOE

http://173.255.131.18/audio/040119NOCEDA.mp3

 

Rotura na traída de auga no camiño do Sartego. Decembro de 2018

"Un servizo tan importante, básico e vital para a poboación que debe estar en mans públicas" en palabras do portavoz socialista. Noceda demandou que se elabore xa un informe para ver a viabilidade deste modelo e se empece a camiñar, mentres se está en prórroga técnica coa empresa concesionaria á que non se renovou o contrato finalizado hai uns meses. O voceiro do BNG, Juventino Trigo, pediu que calquera decisión que se tome se faga por unanimidade, en beneficio da veciñanza. EU apoiou esta postura. Somos Fene pediu un debate a fondo do modelo de xestión. O Partido Popular propuxo crear unha comisión na que se debata e defina con calma o modelo a seguir no futuro. O PP propuxo, antes de iniciar os trámites para  a xestión directa do servizo da auga, coñecer o estado da concesión e a situación laboral dos traballadores da empresa prorrogada. A moción aprobouse por unanimidade.

O pleno da Corporación, reunido con carácter ordinario na tarde do xoves, tamén respaldou unha moción sobre o financiamento das entidades locais, asinada polos tres grupos da oposición, BNG,PSOE e EU. Demandase á Xunta de Galicia que se sume á dinámica da Deputación da Coruña establecendo criterios obxectivos e baremos á hora do reparto de axudas aos concellos. Segundo os defensores da moción, os criterios de reparto da Xunta non son obxectivos nin equitativos e pediron que se estableza o reparto a través dunha lei autonómica dacordo coa FEGAMP. Antón Noceda puxo de exemplo a Augas de Galicia que leva anos sen dar un euro a Fene. Juventino Trigo criticou a falta de transparencia e e obxectividade das subvencións do goberno galego. Somos Fene abstívose neste asunto, alegando que é competencia do Parlamento de Galicia, e o PP votou en contra. Rocío Bértoa argumentou que as axudas da Xunta son tan obxectivas como as da Deputación, organismo que tamén pon condicionantes á hora da execución das subvencións. Botoulles en cara ás forzas de esquerda, que sempre defenderon a desaparición das deputacións, que "cando están nelas gobernando non as soltan". O grupo popular abstívose neste punto.

Conservar as vellas escolas.

Outra moción asinada polo PSOE pediu o arranxo das escolas unitarias e a sua desafectación e que, a poder ser, se faga neste ano 2019. Falou das vellas escolas de Magalofes, Concepción Arenal ou Curros Enríquez e a da Armada, hoxe en dia destinadas a fins sociais. Segundo palabras de Noceda, "eses edificios son parte da nosa historia e da nosa emigración". O PP defendeu que cando menos estase facendo o mantenemento desas escolas e non descartou chegar á súa desafectación, pero afirmaron que ten prioridade o mantenemento das escolas actuais onde estudan hoxe os nenos e nenas. O BNG enmendou a moción socialista, incluíndo que o goberno anterior levou a cabo xestións coa Consellería de Educación nese sentido e polo tanto se trataría de continuar cos trámites. O PP abstívose nesta iniciativa, o mesmo que Somos Fene que propuxo facer un estudo máis profundo sobre a situación destes inmobles.

 

O control do xabarín.

"Os xabaríns xa chegaron á Coruña" Con esta frase empezou o voceiro socialista a súa iniciativa para evitar os danos provocados polo xabarín nos cultivos ou nas estradas. Propuxo a creación dun censo de poboación do xabarín; elaborar un plan de xestión, reformar a lei de caza de Galicia e crear un fondo para o pago de danos provocados polo porco bravo. Defendeu Noceda que o que antes era unha anécdota nas estradas, hoxe é habitual. Os grupos do goberno abstivéronse porque a Xunta xa está a aplicar un plan de medidas. O Bloque afirmou que non está de máis insistir aínda que a Xunta xa empezara a moverse. A proposta recibiu os votos do PSOE, BNG e EU.

Fondo Galego

A quinta moción dos socialistas defendeuna o edil Joaquín Ayala, representante do concello de Fene no Fondo Galego de Cooperación e Solidaridade. Transmitiu a proposta do Fondo de aumentar sensiblemente a cota dos socios. No 2018 reuníu 147.000€ e preténdese recadar 304.000€ no 2019. Ayala explicou a importancia de achegar a auga potable ás poboacións de paises do sur, que é un dos cometidos máis importantes do Fondo Galego. Lembrou un dos obxectivos da ONU "auga limpa para as poboacións". O concello de Fene aportaba unha cota de 8 céntimos por habitante e ano. Agora proponse unha cota por tramo de habitantes, o que suporía 1.500€ anuais. Como agradecemento o Fondo reporta ao concello unha actuación cultural de sensibilización todos os anos. O PP propuxo que a cuota voluntaria sexa dun tercio do suxerido, de 500€. Aceptouse tamén o aumento de un céntimo por habitante e ano ate o ano 2030. Toos os grupos políticos da corporación apoiaron a iniciativa.

O pleno rematou cos rogos e preguntas da oposición. Neste punto, o BNG expuxo que se produciron varias caídas de persoas na Praza Verde de Perlío. O PSOE puxo de relevo as deficiencias que arrastra a escola A Galiña Azul de Barallobre, desde a súa inauguración, en particular as relativas ao mal funcionamento da calefacción.

Institucional

Publica o teu comentario agora