Co outono chegarán as castañas

Co outono chegarán as castañas
31 de Agosto, 2019 - 10:00 h. | Publicada por Radio Lugo

Madura en outono e cae ao chan envolto nun ourizo con espiñas. É un froito autóctono, que chegaba a Galicia polo mar dende Holanda. Foi o botín máis estimado nas invasións bárbaras do norte. A castaña era a base da nutrición do galego ata que no século XVIII chegou a pataca e colocouse como a alternativa para paliar a fame, pois faltaban castañas pola epidemia de tinta.

Castañas nunha exposición do colexio Centieiras. 2016

Asadas nas brasas, déixanse cunha pouca pel para que non estoupen, como fan os castiñeiros nos asadores. A castaña ten hoxe un papel de luxo na cociña, para facer sopas e caldos de inverno, e para os purés de gornición das carnes de porco e de caza.
Para cocer as castañas han de estar unha noite a remollo e hai que deixalas ferver ata que se poñan brandas, sempre en auga salgada. Para facer o caldo, cócense cun óso de porco, unha noz de unto, verzas ou grelos. As castañas saben moi ben con roxóns ou chourizos pouco graxos, con bastante touciño, como aconsella a condesa de Pardo Bazán.
No outono, a castaña ten a súa festa, o magosto, a celebración dos vivos e mortos. Festa na que se asan ao lume, con chourizos envoltos nas verzas. Son ricas, nutritivas e bastante máis da casa que os flocos de millo, segundo apunta o doutor Fausto Galdo no Abecedario das mantenzas.

Sociedade

Publica o teu comentario agora