A cociña de Túnez

A cociña de Túnez
12 de Marzo, 2024 - 01:08 h. | Publicada por Radio Fene

Un fervedoiro de xente acude nesta semana á Escola de Idiomas de Ferrol. Celébranse aquí as Xornadas Culturais onde as linguas se converten en protagonistas. Os departamentos de inglés, francés, español, galego, portugués, alemán e italiano organizan diferentes actividades arredor dos idiomas e das linguas. Algunhas actividades teñen que ver coa boca. Así o departamento de francés organizou un obradoiro de cociña de Túnez. A lectora de francés Dhouha Brichni encargouse de dirixir esta mañá a preparación de  pratos típicos deste pais.

ESCOITA O PODCAST:

A lectora de francés Dhouha Brichni explica a preparación do Bsissa en castelán, francés e árabe:
http://173.255.131.18/audio/120324FRANCES.mp3

Fotografia Xan Xe

Vinte alumnos e alumnas do idioma galo puxeron o mandil e prepararon Bsissa, un prato elaborado con fariña de trigo, fariña de cebada e fariña de garavanzo. Mistúrase con aceite de oliva, engádese azucre e decórase con dátiles e froitos secos. Tamén se preparou Salade tunisienne e Masfouf. Degustaron logo os pratos preparados e de sobremesa gostaron do Jwajem e de café turco. Dhouha explicou para Radio Fene a preparación dun dos pratos, Bsissa. 
As actividades continuarán na Escola de Idiomas de Ferrol mañá mércores. As dez da mañá na cafetería pequeno-almoço luso-brasileiro. Presentaranse os códigos QR sobre as mulleres ilustres que dan nome ás aulas, Degustaranse produtos do horto urbano. As cinco e media presentarase o libro Leandro Lamas. As oito concerto de música a cargo de Xoán Curiel. As Xornadas Culturais da Escola de Idiomas de Ferrol rematarán este xoves.

Sociedade

Publica o teu comentario agora