Combate dramático

Combate dramático
02 de Xullo, 2020 - 12:30 h. | Publicada por Radio Fene

Paula Carballeira participa esta tarde no Cuarto Torneo de Dramaturxia do Teatro Español en Madrid. Esta cuarta edición transmitirase en “streaming” e o público será o encargado de elixir a través das súas votacións o texto gañador. Os textos de José Padilla e de Paula Carballeira competirán ás cinco desta tarde. O público poderá votar en liña nos tres minutos posteriores á súa transmisión na canle de youtube do Teatro Español.

ESCOITA O PODCAST:
Paula Carballeira en Radio Fene

"Pecháronnos aos humanos a causa da peste do Covid19 e o mundo volveuse máis limpo. As augas do canais de Venecia eran transparentes e deixaban ver peixes e medusas. As grandes cidades destaparon a boina da cabeza. As rúas quedaron sen fumes.
Pero, soltáronnos e deixamos en vías e mares as luvas e as máscaras. Non temos remedio". Arredor da plastificación versa a última obra de Paula Carballeira, sobre a que falamos no clube de lectura de Radio Fene Radiofusión.

A cociñeira Carabela
A ficción é a que sempre nos salva en situacións de illamento. A escritora de Maniños   ven de publicar en Editorial Galaxia o libro “Carabela”. Narra as peripecias da cociñeira dun barco que naufraga na Illa Pequena de Plástico. Para aliviar a tristeza, crea unha nena de plástico para poder comunicarse. A protagonista Carabela está soa nunha illa, segundo explica Paula Carballeira.
"Sería recomendable xogar cos libros de teatro, sacarlle todas as posibilidades que ten un volume dramático. Imaxinar a posta en escena da un pouquichiño máis de traballo. Neste tempo de confinamento tivemos moito tempo para pensar" reflexiona a escritora e actriz. En Carabela Paula Carballeira lánzanos unha mensaxe sobre a importancia de coidarmos o medio ambiente. "Planeta, non temos máis ca un".
A chorar, a Cangas

Paula Carballeira ten o honor de ser a pregoeira da "Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas" a celebrar do 9 ao 18 de xullo de 2020. Os dias 9 e 10 dará un curso de narración oral no seo da Mostra.

 

Cultura

Publica o teu comentario agora