Comendo ben, medrando ben

Comendo ben, medrando ben

26 de Novembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes vén de poñer en marcha unha nova edición da súa campaña preventiva sobre alimentación saudable, denominada “Comendo ben”. Uns obradoiros nos que participan escolares de 5º e 6º de Primaria dos sete municipios da comarca de Ordes (Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo) e que pretenden servir como unha ferramenta de prevención dende a escola fronte aos trastornos da c

En dúas sesións, de 50 minutos cada unha, as psicólogas do Servizo de Prevención de Drogodependencias e Apoio á Persoa da Mancomunidade de Ordes realizan unha aproximación á alimentación equilibrada e saudable, así como á importancia dunha correcta hixiene bucodental. Mónica González López, técnica de Prevención de Drogodependencias da Mancomunidade de Ordes, explica que, tras as primeiras sesións realizadas o pasado mes de abril, “conclúese que ningún rapaz fai as cinco comidas ao día necesarias para unha dieta equilibrada e, ademais, non lle dan importancia ao almorzo”.

Neste sentido, González López sinala que “os rapaces adoitan almorzar leite e cereais” pero alerta de que “non toman nada de froita e se trata de almorzos repetitivos, normalmente cola-cao con galletas, polo que sempre son os mesmos nutrintes e as mesmas vitaminas. Un exemplo é que o que toma froita é porque toma un zume de laranxa, pois tampouco toman outro tipo de zumes”. Ademais, destaca tamén “a preferencia dos rapaces pola bollería industrial, as galletas, os snacks salgados e, sobre todo, polo chocolate, que están moi presentes nos recreos”.

Alimentación saudable

Fronte a esta realidade, as técnicas da Mancomunidade de Municipios da Comarca de de Ordes están a facer fincapé no concepto de alimentación saudable. “A alimentación xoga un papel fundamental no benestar das persoas dende os primeiros anos da nosa vida”, explica González López, quen sinala que “entre os problemas de saúde da poboación actual, en particular dos adolescentes, atópanse os trastornos da conduta alimentaria”. Así, a obesidade é un dos problemas de saúde pública máis preocupantes nestes momentos debido ao seu crecemento. Unha realidade onde as maiores cifras detéctanse na prepubertade, concretamente no grupo de idades de 6 a 12 anos. Por iso na primeira das sesións, como a levada a cabo esta mañá no CEIP de Sigüeiro, os rapaces traballaron sobre uns cuestionarios nos que se fixo fincapé na importancia de manter unha alimentación saudable, reducindo o consumo de refrescos, bollería e chucherías e fomentando o consumo de froita e verduras. Uns hábitos aos que hai que engadir recomendacións dunha vida sá e deportiva, fronte ao sedentarismo que fomentan factores como os videoxogos. A segunda sesión fai fincapé na importancia de manter unha hixiene bucodental axeitada. “Moitos dos nenos non ven a necesidade de limparse os dentes despois de cada comida”, sinala Mónica González, “simplemente cepíllanse os dentes dúas ou, como moito, tres veces ao día e non son conscientes do importante que é limparse os dentes despois de tomar cousas con moito zucre”.

Sociedade