Comeza a campaña informativa para a matriculación das actividades deportivas e culturais 2009

Comeza a campaña informativa para a matriculación das actividades deportivas e culturais 2009

08 de Setembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A Concellería de Cultura e Deportes, dirixida pola socialista Carmen Silvar, principia a campaña informativa para a matriculación das actividades deportivas e culturais do curso 09-10. Ademáis da extensa oferta de cursos este ano se incorporan como novidades o obradoiro de Pilates e obradoiros específicos de grafitti para o Colexio A Xunqueira e circo para o Centro de Ensino de Centieiras.

O prazo de matriculación nas Escolas Deportivas ábrese o vindeiro luns 14  coas inscricións soamente para as escolas da piscina municipal. Do 15 ao 23 de setembro poderán matricularse no resto de escolas e nas prazas libres na piscina municipal. As inscricións realizaránse nas dependencias administrativas do Pavillón “A Xunqueira” de San Valentín, en horario de dez da mañá a unha do mediodía. Os mércores 16 e 23 de setembro a matriculación poderá facerse tamén en horario de catro e media a sete do serán.

A matriculación das Escolas Culturais será do xoves 1 de outubro ata o xoves 8 de outubro nas dependencias administrativas do Pavillón “A Xunqueira” de San Valentín. Poderán formalizarse en horario de dez da mañá a unha do mediodía. O mércores 7 de outubro a matriculación poderá facerse tamén en horario de catro e media a sete da tarde. Durante o curso só se admitirán novas matriculacións sempre que existan prazas libres ou se produzan baixas na escola en cuestión e as altas non interfiran o normal funcionamento do grupo de traballo.

Os obradoiros deportivos e culturais tamén realizarán a matrícula nas dependencias administrativas do Departamento de Cultura, Deportes e Xuventude (Avda. Naturais 44, entrechán dereita).  

Para maís información ven de editarse un pequeno libro coa oferta deportiva e cultural coa que van contar os diferentes sectores de idade. Os libros repartiránse nos vindeiros días nos centros de ensino, nas dependencias do Concello e nas instalacións municipais. Tamén na páxina web municipal pódese descargar a través dun banner toda a información relativa aos días, datas idades e prezos de matriculación. 

Unha trintena de actividades encherán así o tempo de lecer dos máis novos e dos maiores, con actividades como ioga, bailes latinos, informática, e obradoiros específicos para os Centros de Ensino.

Sociedade