Comezan en Arzúa as obras de mellora da estrada a Pontecarreira

Comezan en Arzúa as obras de mellora da estrada a Pontecarreira

15 de Marzo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

Acaban de dar comezo en Arzúa as obras de construcción de beirarrúas na estrada que conduce dende este municipio ata o de Pontecarreira, na que se investirán máis de 160.000 euros para a construción de beirarrúas e dun paseo peonil.

A empresa PROYECTA ACTIVIDADES PROFESIONALES DE LA CONSTRUCCIÓN S.L., será a encargada de levar a bo término unha actuación que mellorará considerablemente a seguridade dunha vía pola que transcurren a diario centos de vehículos e peatóns e que non dispón na actualidade de beirarrúas polas que transitar sen perigo. O proxecto que comezou a executarse esta semana contempla a construcción de beirarrúas na marxe dereita desta estrada, coincidindo esta actuación coa fronte do parque empresarial, dende o cruce coa Estrada Nacional 547 ata a altura do último vial do polígono industrial; dende este punto e ata o cruce do lugar de Seixas crearase o paseo peatonal.

Este proxecto responde a unha solicitude efectuada polo goberno municipal arzuán ante a Deputación Provincial da Coruña para ser incluído dentro do Plan de Travesías 2009, na súa terceira fase. Polo que, tal e como explicou esta mañá o Alcalde de Arzúa, Xaquín García, “é o ente provincial quen costea a  totalidade do proxecto, unha vez que xa no pasado ano foi aprobada a súa realización e hai uns días que se procedeu a adxudicación das obras”.

A actuación conta cun orzamento de 163.706,34 euros e dispón dun prazo de execución de catro meses. O Alcade, Xaquín García, quixo agradecer públicamente á Deputación “a atención que lle está brindando ao noso concello, axudándonos a financiar proxectos que sempre repercuten na mellora da calidade de vida dos nosos veciños”.

De feito, a actuación que se comezou a executar agora repercutirá de maneira notable, no incremento da seguridade nun tramo que carece na actualidade de beirarrúas e que, sen embargo, é empregado por numerosos veciños como lugar de ocio e paseo nuns casos e noutros como vía principal de acceso ao parque empresarial. A construción de beirarrúas minguará estes problemas xa que permitirá a circulación de peóns sen necesidade de pisar a estrada.

Sendeiros en Arzúa

A actuación que se proxecta para a estrada CP.0604 inclúe tamén a creación dunha senda peatonal ata o lugar de Seixas, que fará máis doado o camiñar de numerosos veciños da localidade, que a diario se desprazan por esta ruta para desfrutar das fermosas paisaxes que se ofrecen nun entorno en plena natureza. Coa creación desta senda peatonal, o Concello de Arzúa incrementa as zonas de paseo e sendeiro que veciños e visitantes poden empregar non só  para facer deporte e desfrutar do seu tempo de ocio senón tamén para descubrir os encantos da paisaxe e dun importante patrimonio natural e arquitectónico.

O Concello de Arzúa conta ademais con outro paseo peatonal na estrada de Lema e unha ruta de sendeirismo denominada Roteiro do Iso. Na actualidade, estanse executando obras para a creación dunha ruta de sendeirismo na zona sur de Arzúa. Neste caso o paseo comezará o seu percorrido no enclave da Fervenza das Hortas, na parroquia de Dombodán, un idílico enclave paisaxístico recuperado hai aproximadamente dous anos. O curso da ruta atravesará o núcleo das Hortas e chegará ata o Museo da Mel, no entorno de Portodemouros. De aí subirá ata a parroquia de Tronceda, sempre por camiños de terra e atravesando monte; baixará a zona de Viñós e chegará ata o coñecido como Muíño de Roque, situado na fronteira entre Viños e a Fonte Santa; con posterioridade subirá a Maroxo e de aí ata Arzúa.

Segundo comentou  Alcalde, “os sendeiros permitirán coñecer a natureza en estado puro e serán un bo exemplo do que Arzúa pode ofrecer aos visitantes”.

Sociedade