Como hei vivir mañá sen a luz túa

Como hei vivir mañá sen a luz túa

30 de Agosto, 2012 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

Contos infantís, poesía, teatro, son algunhas das facetas literarias de Bernardino Graña. Un dos integrantes do grupo poético Brais Pinto, fundador e primeiro presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, recibe un merecido tributo do mundo da cultura.

Baixo o título Medre o mar!, celebrarase a homenaxe nacional ao poeta e académico Bernardino Graña Villar o vindeiro sábado 1 de setembro na cidade da Coruña. A xornada dará comezo ás 11:00 horas cun obradoiro de creación plástica conformado por numerosos artistas recoñecidos. De seguido, poderanse escoitar lecturas dramatizadas e a mañá concluirá cun recital a cargo de poetas como Natalia Concheiro, Berta Dávila ou Alfredo Ferreiro. 

Ás 16:45, unha travesía polo mar da Coruña cos escritores Anxo Angueira e Xabier P. Docampo abrirá a sesión de tarde. Seguidamente, terá lugar unha marcha gaiteira na honra do escritor. Para finalizar, desenvolverase un acto poético-musical de entrada libre no Paraninfo da Universidade da Coruña ás 18:30 horas. Nel participará o reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto, a carón de voces como as de Xosé María Álvarez Cáccamo, Marica Campo, Marta Dacosta, A Quenlla e Xosé Luís Méndez Ferrín.

Cultura