Como puchos rebuldeiros

Como puchos rebuldeiros
25 de Febreiro, 2019 - 11:22 h. | Publicada por Radio Fene

"As campás da parroquia / brincan na alma do campo / coma puchos rebuldeiros / na esponxa dos toxos bravos” (Amado Carballo) Bernardo Casal Mor era ferreiro e fixo a campá da igrexa de Barallobre. As dúas campás que hoxe soan en Sillobre son de 1877 e 1886. E dese mesmo ano é unha das campás da igrexa de Maniños. Na actualidade está desmontada e colocada na capela de San Pedro da igrexa pequena de Maniños. Fíxoa o campaneiro Juan María de la Sota, quen tiña un obradoiro en Lugo e tamén fundiu a campá maior da concatedral de San Xiao en Ferrol en 1898.

Campá da igrexa parroquial de Sillobre

Na cultura popular do noso país hai unha adiviña que di así: “Ten un dente e chama pola xente ¿que é?” A resposta é a campá. O dicionario define a campá coma: “Instrumento de metal, en forma de copa invertida, que soa por percusión dun badalo, e serve, principalmente nos templos, para convocar ós fieis”.
As campás das igrexas teñen unha finalidade comunicativa: chaman á misa, anuncian tristonas a morte dalgún veciño ou veciña, avisan dos incendios, os días das festas repican algareiras e tamén convocan ós veciños para as alarmas como pasou, por exemplo cando a invasión das tropas napoleónicas...

Nalgúns lugares, por exemplo Mondoñedo, as campás tocaban a parto, e á agonía, é dicir, tocaban en dous momentos importantes da vida: o nacemento e a morte. Así escribe Alvaro Cunqueiro: « Aínda no meu pobo danse as agonías pola campá Petra da Catedral, con sinais que din se o moribundo é cóengo ou simple crego, home ou muller, ou neno. Varios toques foron suprimidos; por exemplo, o de parto. Tocábase a Petra para que os oíntes pedisen que Deus concedese á parturienta unha boa hora. Eu debo ser un dos últimos mindonienses que a piques de saír do ventre da miña nai, tocoulle a Petra para que Deus me fixera nacer sen dificultades. Chegou un bispo asturiano, don Juan José Solís, e suprimiu este toque e abreviouse o de agonía».

Cultura

Publica o teu comentario agora