Como unhas olimpiadas

Fene exhibiu o mellor da ximnasia da comarca de Ferrolterra
09 de Xaneiro, 2020 - 11:49 h. | Publicada por Radio Fene

200 nenos e nenas participaron na Exhibición de Nadal do Club de Ximnasia Artística Ferrolterra que tivo que ser aprazada para este sabado a causa do último temporal. O clube brindou unha homenaxe a dúas das súas ximnastas, Paula Parada e Ainhoa Tenreiro.

O pavillón de San Valentín acolleu o pasado sábado a tradicional Exhibición de Nadal do Club de Ximnasia Artística Ferrolterra, despois de que tivese que ser aprazada por mor do temporal. O festival, no que as/os ximnastas do clube amosaron o aprendido nestes meses, artellouse a modo de Xogos Olímpicos. Así, cada un dos dez grupos que conforman o clube representaba a un país e un deporte... realizando exercizos de ximnasia artística nos distintos aparellos: chan, barra, paralelas e salto.

Así, ao longo de tres horas, ao redor de 200 nenas e nenos, a práctica totalidade dos que forman a familia do clube, desfilaron e actuaron na pista do pavillón, reconvertido o sábado en santuario olímpico. Así mesmo, e rematando os xogos, os/as monitores/as do clube fixeron entrega dun pequeno agasallo a todos/as os/as ximnastas participantes na exhibición, coa que tamén querían dar a coñecer este deporte. Ademais, agradeceron a colaboración do Concello e das nais e pais que axudaron á súa organización.

Sen dúbida, un dos momentos máis emotivos viviuse coa homenaxe que o clube brindou a dúas das súas ximnastas: Paula Parada e Ainhoa Tenreiro. Comezaron no clube casi dende os seus comezos no verán de 2015, e xa dende o primeiro momento amosaron as súas boas aptitudes. Cómpre resaltar, por exemplo que Ainhoa foi a primeira nena en conseguir unha medalla nun Campionato de España e, no caso de Paula, a súa vinculación ao clube como adestradora de varios grupos de nenas pequenas. Porén as dúas, logo de catro anos, decidían deixar de adestrar para centrarse máis nos seus estudos, cuestión que foi aproveitada para recoñecer o seu labor tamén cun pequeno agasallo e recoñecemento público.

Deportes

Publica o teu comentario agora