As compañias aéreas cancelan todas as operacións en Galicia ata o domingo

As compañias aéreas cancelan todas as operacións en Galicia ata o domingo

04 de Decembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

Indignación, impotencia e desánimo. Son as sensacións máis frecuentes experimentadas pola multitude de cidadáns que esta mañá se achegou a calquera dos aeroportos galegos. A folga de controladores empuxou ás compañias aéreas a anunciar este mediodia a cancelación de todas as operacións previstas até mañá domingo ás 10 da mañá.

En Santiago de Compostela suspendéronse as 54 operacións previstas. Os pasaxeiros facían longas colas diante dos mostradores de Aena para presentar as oportunas reclamacións. Tamén se cancelaron os 18 voos previstos na Coruña. Alí os viaxeiros indignados recorreron ás empresas de aluguer de vehículos sen condutor en procura de medios de transporte alternativos.

O mesmo panorama albiscábase esta mañá no aeroporto de Peinador en Vigo. Alí presentáronse máis de 300 reclamacións esixindo o reintegro do importe dos voos contratados. Aos viaxeiros con billete a Barcelona, a compañia aérea ofrecíalle a posibilidade de trocar o voo por un avión que sairá mañá domingo ás 10 da noite.

Por outra banda o fiscal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia Carlos Varela ordenou á Policia Nacional e á Garda Civil iniciar investigacións por se puidese haber indicios de delito na actitude dos controladores aéreos. Mentres tanto a Asociación Galega de Hostalaría cualifica como dun auténtico caos a situación, "con moitas cancelacións e innumerables hospedes que non se puideron presentar en hoteis e casas de turismo rural".

Sociedade