A compostaxe, catro veces mais eficiente que a incineracion

A compostaxe, catro veces mais eficiente que a incineracion

11 de Outubro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Cerceda

Adega (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia) vén de presentar un informe comparativo sobre a recollida selectiva en Galicia, baseándose nos datos da propia Xunta. As conclusións son reveladoras sobre a eficiencia na reciclaxe de cada sistema de tratamento: o modelo Sogama, baseado na incineración, e os modelos de Nostián (Consorcio das Mariñas) e Lousame (Mancomunidade do Barbanza), baseados na compostaxe da materia orgánica. A prin

As plantas de compostaxe amosan pois, a súa maior eficiencia, xa que reciclaron un 400% máis que o modelo de incineración/vertedoiro incontrolado que practica Sogama. En termos cuantitativos, unha quinta parte da poboación, a asociada aos modelos das Mariñas o Barbanza, reciclou tantos residuos como todos os cidadáns dos concellos adheridos a Sogama. Os resultados son aínda máis sorprendentes cando se analizan as distintas fraccións da recollida selectiva de residuos: as plantas de compostaxe reciclan moita máis materia orgánica, mentres que Sogama non recicla nin unha soa tonelada xa que incinera a maior parte e o resto o deposita no vertedoiro da Areosa (Cerceda) que durante anos funcionou como un vertedoiro incontrolado, carecendo das medidas de control e calidade ambiental que esixe a Unión Europea.

Ademais disto, as plantas de compostaxe reciclan moita máis cantidade de residuos que Sogama en todas as demais fraccións da recollida selectiva: vidro, 9 puntos máis; papel/cartón, 4 puntos máis; e envases, 31 puntos máis, tanto nas áreas de alta xeración de residuos (A Coruña-zona urbana), como en áreas máis rurais cunha máis baixa xeración de residuos (comarca do Barbanza).
Estes datos foron tirados do Documento de Inicio do Plan de Xestión dos RSU de Galiza 2010-2020 presentado pola Xunta en agosto deste ano. No documento, a información preséntase de xeito confuso e disperso, coa fin de non facer evidentes as contradicións dun modelo fracasado e insustentable.
O secretario executivo de Adega, Fins Eirexas, asegura que “os datos expostos revelan a absoluta incapacidade do modelo Sogama para a reciclar os residuos a pesar das enormes cantidades de diñeiro necesarias para construír e manter a incineradora e os custos de transportar por toda Galicia ata Cerceda miles toneladas de residuos. As plantas de compostaxe, a pesar do boicot político e institucional ao que foron sometidas durante a era Fraga, acadan taxas de reciclaxe e eficiencia moi superiores, cun investimento moito máis reducido”.
Desde Adega tamén consideran que o recente anuncio por parte da Xunta de Galiza da construción dunha nova “planta de tratamento” (incineradora) no sur de Galicia, e as insinuacións sobre o “redimensionamento” da planta de Cerceda, previa ampliación do vertedoiro da Areosa, apuntan a que o goberno Feijóo pretende persistir no erro e “volver á caverna ambiental do modelo Sogama”.
Eirexas considera que a Xunta debería aprender dos erros pasados, facer propósito de emenda e apostar polo cumprimento das leis e directivas europeas que priorizan a redución, a reutilización e a reciclaxe, e establecen unha xerarquía no tratamento de residuos que prima a compostaxe, situando no último chanzo a incineración e o vertido. Precisamente son a incineración e o vertido as receitas que semella preparar o goberno Feijóo no novo Plano de Xestión dos RSUs de Galiza 2010-2020, unha decisión que para Adega suporía unha nova hipoteca ambiental para a cidadanía e un grave retroceso no camiño da sustentabilidade.

 

Sociedade