Compostela acolle a exposición sobre Santiago Álvarez

Compostela acolle a exposición sobre Santiago Álvarez

23 de Xaneiro, 2013 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A exposición itinerante da Fundación 10 de Marzo de CC OO sobre o dirixente comunista Santiago Álvarez chega á capital de Galicia. Presentarase publicamente nunha conferencia de prensa o xoves, día 24 de xaneiro, ás 12 h, na Biblioteca Municipal Ánxel Casal. Na comparecencia perante os medios de comunicación estarán Ricardo Gurriarán, responsable da Área de Historia da Fundación 10M, e Daniel Lanero, profesor da Facult

A mostra está conformada por documentación e outros efectos doados pola familia do dirixente comunista á F10M. Poderase visitar entre o 24 de xaneiro e o 21 de febreiro en horario continuado de 8:30 a 21:00 h de luns a venres, e de 10:00 a 14:00 h os sábados. Como complemento á exposición, o día 19 de febreiro, ás 19:30 h, haberá unha mesa redonda na biblioteca para conmemorar o centenario do nacemento de Álvarez.

Perfil

Santiago Álvarez, un dos impulsores da creación do Partido Comunista de Galicia (PCG) e membro do comité central do PCE durante moitos anos, naceu no seo dunha familia labrega de Vilamartín de Valdeorras en 1913. O seu achegamento á política deuse na adolescencia, e poucos anos despois, proclamada a II República, afiliouse ao Partido Comunista, do que foi un dos responsables na comarca valdeorresa. O seu activismo levouno a ser detido no ano 1934.

Dous anos despois, após a vitoria electoral da Fronte Popular, entrou como concelleiro no seu municipio natal. O levantamento fascista sorprendeuno en Madrid. Na capital do Estado colleu as armas para defender a legalidade republicana e participou en numerosas batallas.

Exiliouse tras a guerra, e o seu periplo vital levouno a Francia, República Dominicana, Cuba... ata que regresou a España en 1944, acabando detido case un ano despois. A detención levaríao a coñecer en carne propia o sistema represor franquista, torturas incluídas. Condenado a vinte anos de cárcere, entre 1946 e 1951 pasou por diferentes prisións. Indultado tres anos despois, pasou novamente por Cuba e Francia e non regresou definitivamente ata 1976. Ata a súa morte, en 2002, continuou ligado á política e escribiu numerosos traballos de reflexión e investigación de carácter político e histórico.

Sociedade