A comunión entre os máis pequenos coa natureza

A comunión entre os máis pequenos coa natureza

23 de Marzo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Perto de 450 escolares participarán este venres na celebración do Día da Árbore organizada pola área de Medio Ambiente do Concello de Fene. Os alumnos e alumnas chegarán ás dez da mañá ao Monte Marraxón, concretamente ao lugar de Reboredo, para prantar unha árbore cada un co fin de involucralos e sensibilizalos na protección da natureza. 

A actividade xurde co obxectivo de recuperar o estado do monte comunal no lugar do Reboredo en Marraxón e a repoboación forestal. Ademais este plan supón un impulso recreativo e cultural para a comarca.   

Os nenos e nenas concienciaranse no mantemento e cuidado da nosa contorna e para iso prantaranse pinos, castiñeiros e arces. Ás dez da mañá comezará a celebración coa entrega das árbores aos rapaces e a súa prantación ao que lle seguerá unha merenda para renovar folgos. Tamén se está a pensar nunha actividade lúdica para disfrute dos pequenos e ás doce e media volta aos colexios. 

Os escolares de entre 4 a 12 anos pertencen aos centros de Fene, A Xunqueira, Jorge Juan, O Ramo e o IES  acompañados dos seus profesores vivirán por unha mañá unha xornada de pleno contacto co medio ambiente. Despregarase un amplo dispositivo para garantir a seguridade dos participantes. Ademais de 8 buses, para desprazarse, acudirá unha ambulancia, protección civil e a policía municipal.   

Sociedade