Con F de fé en Fene e Ferrol

Con F de fé en Fene e Ferrol

27 de Marzo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Non se xoga coas cousas de rilar. Semella que ese era o pensamento de moitos dos manifestantes que este mediodia percorreron as rúas de Ferrol, reclamando o levantamento do veto para o estaleiro de Perlío. Non se xoga coas cousas de comer. Porque en Ferrol, como en Fene, Narón, Ares, Mugardos, Neda e en toda a comarca, cómese do sector naval. É así desde hai máis de 250 anos.

Entre 4 e 5.000 persoas participaron no acto "pola criación de emprego, por un sector naval con futuro, levantamento do veto a Navantia Fene", entre os que se atopaban os alcaldes de Ferrol, Fene, Narón, Mugardos e San Sadurniño, concelleiros do PSdeG PSOE, BNG, PP e EU de Fene, o secretario xeral da CIG Xesús Seixo, o voceiro do BNG Guillerme Vázquez e representantes de asociacións empresariais. "O veto a Astano, que o quiten este ano" foi un dos berros máis secundados na protesta convocada por Rumbo XXI, que saiu minutos despois das 12 da mañá do peirao de Curuxeiras.

 

O escritor Manuel Rivas fechou a marcha na Praza de Armas, salientando a incongruencia de que "o país que mellor sabe facer barcos, non poida construir naves". O literato expresou a vontade de "vencer ao tangaraño que levou ao mellor estaleiro do mundo a un limbo fantasmagórico". "Chegou o intre do rescate de Astano e de convertir a Ferrol no corazón da gran factoria galega" suliñou Rivas indicando tamén que o transporte marítimo está a manter o tipo nestes momentos de crise económica "o que fai máis urxente a reactivación do estaleiro" manifestou.

Ferrol non entende que se prohiban facer barcos. O Fondo Monetario Internacional e os paises da Unión Europea veñen de chegar a un acordo para salvar a Grecia da quebra. Os estaleiros da ría tamén necesitan de medidas que garantan o seu futuro. Por iso se movilizaron esta mañá moitos cidadáns atendendo á convocatoria de Rumbo XXI.

Sociedade