Con máscara no San Xoán

Con máscara no San Xoán
19 de Xuño, 2020 - 10:55 h. | Publicada por Radio Fene

Unha videoconferencia para reflexionar sobre as raíces do San Xoán ofrécenos este domingo 21 a asociación Ferrolterra Antiga, coa participación de Esperanza Piñeiro e Loreto de Castro.

ESCOITA O PODCAST:

Este ano non poderemos celebrar o San Xoán como o faciamos ultimamente, cando menos nas cidades. Non veremos as praias de Riazor ou de Cabanas invadidas de fogueiras nin tampouco a de Batallóns en Ferrol con centos ou milleiros de persoas. A situación dános a oportunidade de retornar á antiga maneira de pasar a noite meiga, no rueiro cos veciños máis próximos o una casa cos amigos, comendo unhas sardiñas asadas ou uns chourizos á brasa.

A Asociación Cultural "Ferrolterra Antiga" convócanos este domingo a participar nunha videoconferencia sobre o San Xoán que quizás sexa moi oportuna para reflexionar sobra esta data tan significative no calendario galego. Afirma un dos seus membros, Antonio Casal, que “ foi precisamente a raíz das condicións sanitarias actuais que Ferrolterra Antiga pensou que era o momento de pararse a reflexionar sobrea orixe e tradición desta festa popular”. Para iso convócannos este domingo dia 21 de xuño ás 19.00h a unha videoconferencia sobre o San Xoán que poderemos seguir a través da canle de youtube de Ferrolterra Antiga, compartindo o enlace nas redes sociais.

Poderase escoitar pero tamén participar activamente, formulando preguntas ou relatando cada quen a súa memoria sobre o San Xoán. As convidadas nesta videoconferencia son a historiadora Esperanza Piñeiro e a poeta Loreto de Castro. A primeira gran coñecedora dos costumes, tradicións e lendas da comarca que recopilou nunha das súas obras, e a segunda fará unha escolma literaria arredor do San Xoán.

Nos plans de futuro da asociación Ferrolterra Antiga está a publicación dun libro sobre a historia de Ferrol nos séculos XIX e XX "con temas pouco tratados antes na historiografía local" segundo Antonio Casal. Tamén están embarcados nun proxecto sobre Carvalho Calero.

Cultura

Publica o teu comentario agora