Conducir eficientemente aforra combustible e accidentes

Conducir eficientemente aforra combustible e accidentes

04 de Xuño, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A condución eficiente non supón o aumento no tempo empregado nos desprazamentos e reduce en torno a un 16% o consumo e entre un 10 e un 25 % o risco de accidentes, segundo se desprende dun estudo realizado pola Fundación Sotavento Galicia confeccionado a partir dos cursos de condución eficiente que desenvolveu durante o primeiro semestre do ano 2010.

Os datos saíron das prácticas de mais de 600 persoas que participaron nesta acción formativa, na que se puido comprobar, en probas de condución real, o aforro de combustible que se obtén ao poñer en práctica os consellos explicados no curso.

Os participantes, un 58% de homes e un 42% de mulleres, observaron que a redución do consumo non supón automaticamente un aumento no tempo empregado nos desprazamentos. Pola contra, este tempo redúcese á vez que se minimizan entre un 10% e un 25% as posibilidades de sufrir un accidente.

Outros datos analizados apuntan a que o aforro medio de combustible, con respecto á condución habitual foi dun 16’3% (1’06 L/100 km), cifra que supera nun 1’3% o aforro medio teórico que se esperaba conseguir con este tipo de actuacións, e que está cifrado nun 15% polo Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía.

Trasladados estes datos a unha economía familiar e unha media de 16.000 km ao ano, conducir de xeito eficiente suporía un aforro anual por persoa duns 235 € cun coche da gasolina e duns 174 € cun de gasóleo.

Un aforro de carburante cifrado en 233 millóns de euros

Extrapolando os datos obtidos no desenvolvemento dos cursos, e tendo en conta un quilometraxe medio anual de 16.000 km, se todos os condutores galegos empregasen as técnicas de condución eficiente, ademais de reducir a contaminación acústica nas grandes poboacións e diminuír os accidentes, se conseguiría un aforro económico anual en carburante de 233’92 millóns de euros. Ademais, se faría un esforzo en pro da conservación medioambiental, xa que se evitaría a emisión á atmosfera de máis de medio millón de toneladas de CO2 ao ano, o que supón o 1’4% das emisións de CO2 anuais de Galicia.

Participantes de idade media

En xeral, os alumnos, dunha media de idade de 39 anos, e valoraron de xeito moi positivo esta experiencia froito do convenio establecido entre o Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) e o Instituto para a Diversificación e o Aforro de Enerxía (IDAE) co propósito de levar a cabo as accións contempladas no Plano de Acción 2008-2012 da Estratexia de Aforro e Eficiencia Enerxética en España (E4).

O obxectivo fundamental destes cursos é o de acadar un uso máis racional do vehículo e concienciar aos condutores/as de que un cambio no seu estilo de condución pode propiciar un mellor aproveitamento dos recursos naturais e a redución na emisión de gases de efecto invernadoiro á que isto nos leva.

Sociedade