A conexión entre Galicia e Australia

A conexión entre Galicia e Australia

07 de Marzo, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

Naceu en Tui o un de marzo de 1814, pero desenvolveu un importante papel a prol dos aborixes de Australia. Abriu estradas e fundou escolas nas antípodas. Unha exposición lembra agora a figura e a obra de Frai Rosendo Salvado.

Cómpre viaxarmos até a terra austral e apartarmos os eucaliptos que non nos deixan ver o bosque para coñecer a historia dun frade galego, Rosendo Salvado, a quen durante moitos anos tiveron máis presente en Nova Nursia, alí na terra onde a auga na pileta xira ao revés, do que o tivemos no seu lugar de orixe, Galicia. Agora, co gallo do segundo centenario do nacemento do relixioso de Tui, na vila fronteiriza vén de abrir as portas unha exposición que tenta conectar estes dous lugares da fin do mundo, Galicia e Australia, a través da lembranza do “Valedor do pobo aborixe”, que é como se subtitula a mostra consagrada a Rosendo Salvado. Organízaa o Consello da Cultura Galega e o seu comisario é o vicepresidente da institución, Francisco Díaz-Fierros. Esta exposición ten un obxectivo claramente orientado a destacar o labor de Salvado a prol dos aborixes australianos. Resáltase nela o talante decidido e arriscado do primeiro bieito galego nos seus primeiros contactos cos nativos, así coma o tacto, intelixencia e dicreción coa que realiza a inmersión na súa cultura e tradicións. Rosendo Salvado tivo que loitar “en contra dun sentir xeral que consideraba as comunidades aborixes como etnias interiores e practimente inferiores".

A exposición pode visitarse de luns a venres, de 9 a 14h. e de 16.30 a 20.30h. e o sábado, de 9 a 14 h. na Sala de Exposicións da Área Panorámica de Tui até o 30 de marzo. A seguir viaxará até San Martiño Pinario, en Compostela, outro dos escenarios da vida do relixioso. Alí estará do 3 de abril ao 4 de maio. Durante o verán, nos meses de xullo e agosto, a mostra exporase no mosteiro de Samos.

Cultura