Construirán en Sigüeiro un albergue para pelegríns

Construirán en Sigüeiro un albergue para pelegríns

11 de Febreiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

Os Concellos de Oroso e Ordes apostan decididamente por potenciar e dinamizar o Camiño Inglés ao seu paso pola comarca ordense. Así quedou de manifesto na reunión mantida polo Consorcio do Camiño Inglés, reunido onte no municipio coruñés de Cabanas. Os representantes de Oroso, Antonio Leira, e de Ordes, Xesús Pedreira, queren aproveitar a celebración do Ano Santo Xacobeo para atraer a máis pelegríns e promocionar os seus res

Así, Antonio Leira sinala que “imos instar á Xunta a que axilice no posible a construción do albergue de Sigüeiro e, mentres tanto, adecuaremos as instalacións do pavillón para a atención dos pelegríns”. O Concello de Oroso xa cedeu ao Xacobeo unha parcela de 800 metros cadrados para a construción desta instalación, para cuxa construción hai comprometido un investimento de 450.000 euros.

Pola súa banda, Xesús Pedreira sinala que “xa fixemos e entregamos un proxecto para utilizar a reitoral de Poulo como albergue e temos a esperanza de que vaia incluído nos próximos orzamentos da Xunta. Ata entón poremos a disposición do Xacobeo os colexios e incluso buscaremos poñer tendas de campaña na zona de Outeiro”. Así mesmo, sinala que “esperamos dispoñer tamén de información turística, sobre hoteis e restaurantes para poder ofrecerlla aos pelegríns que visiten Ordes”.

Reunión do Consorcio

Na reunión do Consorcio do Camiño Inglés, os representantes de Oroso e Ordes apoiaron a proposta de facer unha petición conxunta dos 17 municipios vencellados ao Camiño Inglés para acceder a unhas axudas da Xunta de Galicia para optimizar a atención aos pelegríns, a través da convocatoria de prazas de voluntarios no Camiño. Unhas axudas para as que a Xunta conta cunha partida de 400.000 euros. Así mesmo, os municipios do Consorcio solicitaron máis publicidade e instar á Delegación do Goberno e ao Xacobeo a que melloren a sinalización e a seguridade no Camiño.

A título individual, cada un dos 17 municipios polos que discorre o Camiño Inglés asinarán en breve coa Xunta un convenio para recibir unha axuda de 400 euros por cada quilómetro de Camiño que discorra polo seu municipio. Outro punto da sesión, a primeira co novo presidente do Consorcio (Germán Castrillón, alcalde de Cabanas), foi o de que cada municipio solicite de forma individual que a programación do Xacobeo tamén teña presenza nos concellos vencellados ao Camiño Inglés. “Dende o Concello de Oroso xa estamos traballando tamén para facer outras actividades vencelladas ao Camiño nos colexios e temos a intención de organizar algunha exposición ou conferencia sobre esta temática”, sinala Antonio Leira, quen destaca que “o Ano Santo é unha oportunidade que temos que aproveitar para dar a coñecer Oroso, promocionalo turísticamente e aproveitar o boca-orella que se produce nun Ano Santo para conseguir que estes pelegríns se interesen en volver polo municipio noutro momento”.

Sociedade