Continúa o debate político

Continúa o debate político
17 de Febreiro, 2020 - 12:46 h. | Publicada por Radio Fene

As executivas provincial e nacional do PSdG PSOE poderían retrasar o peche da crise de Fene ata despois das eleccións autonomicas.

"Ningunha xuntanza de familiares e amigos pode tratar de substituir as explicacións que a concelleira Mar Piñeiro debe á afiliación do PSOE de Fene". Con estas palabras reacciona a executiva local ao acto realizado polas edís Mar Piñeiro e Ana Basoa o sábado na Casa da Cultura de Fene. As dúas concelleiras aseguraron que manterán as súas actas, ben dentro do PSOE ou desde o grupo mixto. Tampouco renunciarán á portavocía nin a formar parte do novo goberno saído da moción de censura. Piñeiro e Basoa afirmaron que “non negociaron grandes salarios” tal e como se insinuou desde o PSOE local. Tras facer balance dos pasos dados, afirmou Piñeiro non entender a “actitude inmovilista da executiva local socialista” e agarrouse de novo ás directrices nacionais do partido, no senso de facilitar gobernos progresistas.

Pero a executiva socialista indica que “o primeiro lugar onde a concelleira Mar Piñeiro debe de dar explicacións é ante a asemblea local do partido”. Denuncian a utilización dos símbolos do PSOE no acto do sábado e anuncian o que califican como “medidas disciplinarias”. Contesta a executiva local que “a prohibición de formar parte do goberno de Fene adoptada pola asemblea do 30 de xaneiro segue en vigor. A dirección dos socialistas de Fene reproba, no último comunicado, o papel dos militantes de Cedeira José Luis Vergara e Marcial Blanco. E engaden: “Os dous deberían explicar, ante os órganos competentes, as súas actividades irregulares e en nome de quen realizaron esas xestións. A dirección dos socialistas de Fene incorporará estes feitos ao expediente disciplinario aberto ás concelleiras”. Ao que un dos aludidos responde.

O ex alcalde de Cedeira e membro do comité provincial, José Luís Vergara, afirma que “Noceda é un alumno avanzado na carreira da manipulación” e sentencia que el non é ningún intrigante pero sí aplaude a valentía das concelleiras fenesas. O final desta historia semella estar en mans das executivas provincial e nacional. A súa decisión pode retrasarse ata despois das eleccións autonómicas.

(Na imaxe, o grupo socialista ao completo, antes da polémica)

Institucional

Publica o teu comentario agora