Contra os despedimentos en Megasa

Contra os despedimentos en Megasa

31 de Decembro, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Centos de persoas manifestáronse na tarde deste martes en Narón (A Coruña) secundando o chamamento realizado polo comité de empresa de Megasa, a siderurxia situada en Xubia contra os despedimentos anunciados pola compañía. A dirección pretende prescindir dunha das súas tres quendas e despedir a 47 dos 168 traballadores que compoñen a día de hoxe o seu persoal, 

A marcha partiu pasados uns minutos das 18,00 horas e entre os participantes na mesma, ademais de traballadores e familiares, estiveron os deputados autonómicos Beatriz Sestayo, do PSdG-PSOE e Francisco Jorquera, do BNG. Tamén contou coa presenza do alcalde de San Sadurniño, Secundino García, do Bloque; ademais da responsable comarcal desta mesma formación política e concelleira do Concello de Ferrol, Mercedes Tobio, o alcalde accidental de Narón Guillermo Sánchez e concelleiros de todas as formacións políticas.   

A manifestación realizouse sen ningún tipo de incidente, e partiu desde a Praza Irmáns Freire, espazo dedicado polo Concello de Narón aos fundadores de Megasa, e finalizou ante a entrada da factoría. Neste lugar o presidente do comité de empresa, Carlos Bascoy, de UXT, dirixiuse aos concentrados para agradecerlles a súa participación e para mostrar a súa oposición ás intencións da compañía.    Asegurou que "a dirección pretende utilizar a última reforma laboral para materializar os despedimentos", censurando ademais que esta compañía se beneficiou de todas as administracións, "con constantes modificacións do Plan de Urbanismo, novos accesos e recheos da ría". Anunciou folga na metalúrxica para os vindeiros dias dous e tres de xaneiro.

Sociedade