Contra os despidos en Noa madera creativa

Contra os despidos en Noa madera creativa
18 de Xuño, 2020 - 05:00 h. | Publicada por Radio Fene

A loita pola defensa dos empregos, as condicións laborais e o mantemento da actividade produtiva en Noa Madera Creativa continuará este venres cunha manifestación ás 19 horas, que sairá da porta da empresa no Polígono de Vilar do Colo, Fene. Con esta marcha, convocada polo comité, quérese reclamar do Grupo Malasa, propietario das instalacións, que recúe no desmantelamento da empresa e na destrución de postos de traballo e non execute o expediente de extinción para 70 persoas e o ERTE de 15 meses para o resto do persoal (78 persoas).

Contra os despidos en Noa madera creativa

Estas medidas, para os representantes do cadro de persoal, suporán na práctica desmantelar a fábrica, ao suprimir a sección de metal e deixar as instalacións sen capacidade de producir. Deste xeito, Malasa -con 9 millóns de euros en beneficios no 2019- consumaría a desfeita que vén argallando dende que no ano 2018 se fixo con Noa Madera Creativa, co obxectivo claro de eliminar competencia e quedar coa súa cota de negocio.

Os problemas coa dirección do Grupo Malasa comezaron dende o primeiro minuto, xa que pretendía igualar as condicións do persoal de Noa ás condicións precarias nas que ten ao resto do seu persoal, intentando incluso executar un ERE para preto de 100 persoas que tivo que retirar por non ter causaxustificativa de ningún tipo. Entón virou de estratexia e comezou a desmantelar aos poucos a factoría de Fene trasladando persoal a outras plantas, aplicando despedimentos individuais e non renovando contratos eventuais, para substituílos, en parte, por persoal contratado a través de empresas de traballo temporal en condicións máis cativas.

Agora, aproveitando de maneira ruín a situación de emerxencia sanitaria e a declaración do estado de alarma, presentou un ERE extintivo (que xa executou na sección de metal e que  aplicará na de loxística a partir do 21 de xuño) "alegando que non hai mercado, cando Malasa ten instalacións en Cerceda que realizan o mesmo traballo e para estas si hai mercado".

Ao tempo, presentou un ERTE de 15 meses para o resto do cadro de persoal. A excesiva e inxustificada duración da regulación deixa os traballadores/as totalmente desprotexidos e leva a que consuman toda a súa prestación por desemprego.

Sociedade

Publica o teu comentario agora