Contratación de catro peóns e un tractorista

Contratación de catro peóns e un tractorista
26 de Marzo, 2020 - 07:33 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Fene acaba de aprobar mediante resolución da alcaldía a contratación de cinco operarios -catro peóns e un peón tractorista- para reforzar os labores de limpeza viaria e hixiene pública que se están desenvolvendo en todo o territorio municipal dentro protocolos de contención do coronavirus. Esta contratación faise por un período de dous meses e tirando dos aspirantes que figuran nas bolsas de contratación de 2017, prorrogadas con carácter extraordinario a través da mesma resolución. Os cinco traballadores incorporaranse de inmediato á brigada de Servizos. Porén, tal e como se puntualiza desde a Concellaría de Persoal, o Concello retomará o actual proceso de actualización das bolsas -iniciado o pasado mes de marzo e interrompido neste momento- tan pronto como se levante o Estado de Alarma. 
 

Casa do Concello de Fene

Tal e como se detalla no informe técnico da Secretaría municipal, "aínda que a principios de marzo do 2020 se iniciaron os trámites para a elaboración de novas listas, no actual contexto de crise sanitaria non resulta posible o desenvolvemento dos correspondentes procesos selectivos que garantan o debido cumprimento dos principios de acceso ao emprego público", entre outras razóns porque a aplicación do Estado de Alarma interrompeu todos os prazos administrativos, incluído o da presentación de instancias para participar no citado proceso de actualización das listas.

Esa foi a razón que levou ao Concello a prorrogar a vixencia das listas anteriores, as de 2017, de maneira que hoxe mesmo puido empezar a facer os chamamentos para a cobertura de catro prazas temporais de peón e unha de peón-tractorista. O seu labor durante os próximos 60 días será o de traballar na limpeza de vías e espazos públicos, na recollida do lixo e na roza da rede de estradas municipais, ademais doutros traballos que esixan as circunstancias actuais. 

Así o xustifica o informe técnico, onde se incide en que "debido á situación de emerxencia sanitaria" está producíndose unha acumulación de tarefas "derivada da necesidade de levar a cabo limpezas e desinfeccións máis continuadas nos espazos públicos". Por outra banda, as contratacións urxentes tamén estarían xustificadas no mantemento dos camiños públicos para non comprometer a seguridade viaria.

Considera a resolución municipal que todos estes servizos "son esenciais para a cidadanía" e que a súa prestación "debe garantirse" por medio da contratación de persoal que, ademais, tamén atende á cobertura "dunha importante merma de efectivos nestes servizos debido a baixas e vacantes".

Desde a área de Persoal insístese na excepcionalidade da medida e tamén no seu carácter temporal. De feito, a prórroga das listas só se manterá mentres dure a situación de Estado de Alarma e os contratos formalizaranse por un período máximo de 2 meses "como prazo prudencial no que agardamos que as cousas se normalicen", indicou a responsable da área, Sandra Permuy. "Unha vez que se suspenda o Estado de Alarma retomaremos o proceso selectivo que iniciamos no mes de marzo para elaborar unhas novas listas, ás que se acudirá para formalizar os contratos que sexan necesarios para o normal funcionamento do Concello. Pedímoslle á xente que botou as súas instancias a principios de marzo que estea tranquila, cando todo volva ao seu seguiremos co proceso selectivo".

Suspensión das cotas de escolas culturais e deportivas
O Concello de Fene tamén informou esta mañá a través da web e das súas redes sociais da suspensión dos pagamentos semestrais e mensuais das cotas correspondentes ás escolas deportivas e culturais municipais. 

Na comunicación sinálase que a suspensión se manterá mentres permaneza activo o Estado de Alarma e que, unha vez normalizada a situación, "ditaranse as instrucións oportunas para a regularización destes pagamentos".
 

Institucional

Publica o teu comentario agora