Convocaráse un concurso de ideas para o museo de Caldoval

Convocaráse un concurso de ideas para o museo de Caldoval

12 de Febreiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, o alcalde de Mugardos, Xosé Fernandez Barcia e o presidente da Regasificadora do Noroeste (Reganosa), José Javier Fernández Martínez asinaron hoxe un convenio de colaboración para a construción do Centro de Interpretación dos restos romanos de Caldoval (Mugardos, provincia de A Coruña). A sinatura deste convenio permitirá a posta en valor e a musealización dos achazgos arqueolóxic

A empresa Reganosa comprométese a elaborar o proxecto museográfico e a realizar unha achega económica de 1.210.000 euros para a construción, contratación do proxecto e urbanización dos terreos onde se emprazará o Centro de Interpretación. O proxecto do edificio será seleccionado nun concurso de ideas que organizarán proximamente as tres partes promotoras desta iniciativa coa colaboración do Colexio de Arquitectos de Galicia.

Pola súa banda, a Consellería de Cultura e Turismo, a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, supervisará tecnicamente todo o proceso de reconstrución e posta en valor dos restos arqueolóxicos para que estes sexan expostos ao público en perfectas condicións. Os terreos para a construción do centros serán aportados polo Concello de Mugardos, que, asemade, supervisará as obras de urbanización do lugar onde se situará o mesmo.

Xacemento de Caldoval

Na actualidade, os restos arqueolóxicos das estruturas seleccionadas para o traslado atópanse depositados e conservados en terreos de Reganosa. As tres partes asinantes deste convenio decidiron colaborar para a realización dun Centro de Interpretación que permita a posta en valor e visita dos mesmos.

A escavación realizada en Caldoval permitiu estudar uns restos arqueolóxicos que ocupan mil metros cadrados, distribuídos en dúas áreas lindeiras e relacionadas entre si. Corresponden a un asentamento romano levantado nos séculos I ou II despois de Cristo e que permaneceu en uso ata os séculos V ou VI, tal como apuntan os vestixios cerámicos e numismáticos recuperados.

Aínda que as características dos restos parecen indicar que se trata dunha vila cun edificio de traballo nas súas proximidades, os arqueólogos aínda precisan realizar un estudo máis polo miúdo. Algúns elementos arquitectónicos recuperados apuntan a que o asentamento era unha vila: baño, dúas salas con restos de hipocaustos, unha zona porticada, un posible forno de cociña. No obstante, as reducidas dimensións do conxunto principal de estruturas, a carencia de elementos ornamentais suntuarios e a proximidade doutros xacementos romanos (Noville e Mehá) esixen máis información para definir a función e tipoloxía dos edificios.

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural autorizou no ano 2000 a realización de sondaxes arqueolóxicas no xacemento de Caldoval, en Mugardos, as que permitiron localizar unha estrutura rectangular, duns trinta metros de longo por seis de ancho, construída en laxas de lousa, esquistos e arxila.

Un segundo edificio cuadrangular formado por muros de cachotería irregular trabados con arxila era a parte habitacional. Nel atopábanse dúas salas calefactadas e unha estancia principal adosada a un baño cuxo sistema de evacuación de auga se conserva en perfecto estado. Nun lateral da construción existiu un espazo porticado do que só quedan restos de catro bases de columnas. Tamén recuperouse un forno. No ano 2002, tras finalizarse os traballos valorativos, realizouse o traslado de parte dos restos arqueolóxicos escavados para a súa ulterior posta en valor.

Cultura