Convocatoria de axudas de material escolar para este curso

Convocatoria de axudas de material escolar para este curso

25 de Outubro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

O Concello de Ordes convoca un ano máis as axudas para material escolar que terán como beneficiarios aos veciños e veciñas de Ordes. O obxectivo destas axudas, tal e como explicaron dende o goberno que dirixe Manuel Regos, é facilitar a escolarización dos menores do municipio cubrindo o coste da compra de material didáctico complementario para este curso.

As familias ordenses que poderán ser beneficiarias destas axudas deberán cumprir unha serie de requisitos como ter ao seu cargo fillos en idade escolar matriculados en centros escolares do municipio no curso 2011- 2012, en educación Infantil, Primaria e Secundaria obrigatoria; ter uns ingresos netos anuais per cápita da unidade familiar correspondentes ao ano 2010 inferiores a 3.500 euros; e estar empadroadas e residindo no concello de Ordes cunha antigüidade mínima de dous anos a contar dende a data na que finalice o prazo de presentación de solicitudes, entre outros.

En canto ao importe das axudas para os beneficiarios de educación Primaria e Secundaria será de 60 euros, e para os de educación Infantil será de 85 euros.

As solicitudes deberán presentarse no departamento de Educación do Concello de Ordes situado no primeiro andar da Casa do Concello onde tamén se poderán recoller os impresos para a súa realización en horario de luns a venres de 9 a 14 horas. O prazo de presentación de solicitudes finalizará o vindeiro 18 de novembro.

Dende o goberno local do Concello de Ordes esperan con esta iniciativa, poder axudar ás familias ordenses económicamente nunha cuestión tan importante como é a educación dos seus fillos, tendo en conta ademais o difícil momento económico que están a vivir moitas delas, así como o resto do noso país.

Sociedade