Correndo pola vida

A participación de Fene na Carreira da Muller vai da man de Por+vida e do Concello fenés
23 de Setembro, 2019 - 08:52 h. | Publicada por Radio Fene

Co trofeo ao segundo grupo máis numeroso e á participante máis veterana, retornaron as mulleres de Fene da súa participación na Carreira da Muller na Coruña.

A asociación oncohematolóxica Por+vida participou onte domingo na Coruña, na 7º edición da Carreira da Muller sendo tamén a súa sétima participación. En total viaxaron á cidade herculina 181 mulleres, a maior parte en dous autobuses facilitados polo concello de Fene.

A carreira, cun percorrido de 6,5 km, saíu do estadio de Riazor ata pasar pola Torre de Hércules e regresar a Riazor de novo. Por + vida non volveu de balde pois recolleu o primeiro premio á participante máis veterana (modalidade por riba dos 72 anos) que recaeu en Josefa Freire de 83 anos, que curiosamente xa gañara no ano 2013 na 1ª edición da carreira en A Coruña. E o segundo trofeo foi como segunda asociación con máis mulleres participantes.

A expedición chegou a Fene pasadas as dúas da tarde, onde foi recibida polo alcalde de Fene e a concelleira Juana Barro (na imaxe). A loita contra o cancro de mama é o motivo principal desta carreira que se repite ao longo do ano noutras cidades da península. Maís de 8000 persoas participaron onte na da Coruña que cada ano que pasa é máis numerosa.

Sociedade

Publica o teu comentario agora