Cospedal na Coruña coa treboada do Gurtel

Cospedal na Coruña coa treboada do Gurtel

09 de Outubro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

A secretaria xeral do Partido Popular Dolores de Cospedal participa este mediodia en Oleiros (A Coruña) nun xantar organizado polo Club de Empresarios de Iñás. O telón de fondo da visita é a investigación policial do caso Gurtel, as medidas adoptadas pola presidenta da Comunidade de Madrid Esperanza Aguirre expulsando do grupo  parlamentario do PP a tres imputados e a reclamación de sancións similares en Valencia e Galicia.

Pablo Crespo é historia pasada do Partido Popular. O presidente da Xunta e líder do PpdeG, Alberto Núñez Feijóo, rexeita calquera relación política con quen fora secretario de Organización dos conservadores entre 1996 e 1999 e que está na cadea como un dos tres imputados pola trama corrupta de financiamento ilegal coñecida como caso Gurtel. Feijóo defende que os populares xa depuraron responsabilidades no seu día e que hoxe actuarían igual. Aos xornalistas que agardaban no Pazo de Raxoi o remate da sesión semanal no Consello da Xunta, pouco lles interesaban os acordos de Goberno en comparación co caso Gurtel e Núñez Feijóo tivo que aturar un interrogatorio case monográfico sobre o particular.

 

Para o actual líder popular, que fora conselleiro de Política Territorial en 2004, cando Pablo Crespo ocupaba un cargo en Portos de Galicia, as irregularidades financieiras ficaron resoltas hai xa 10 anos. Feijóo dixo confiar na palabra do presidente provincial de Pontevedra, Rafael Louzán, a quen se lle acusa de ter contratado a empresas da presunta rede corrupta con diñeiro público, e deixou caer que se cadra o Goberno bipartito tamén puido ter tratos con esas mesmas empresas. O presidente do Partido Popular de Galicia desbotou a posibilidade dunha investigación interna porque investigar, dixo, “é responsabilidade dos xuíces”. Núñez Feijóo pediu que morra o conto e sentenzou que lle preocupa máis o prezo do leite que o Gurtel.

Sociedade