A crise que a paguen os seus causantes

A crise que a paguen os seus causantes

17 de Setembro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

"A crise que a paguen os seus causantes" indicou hoxe o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vazquez nun acto contra a reforma da Constitución, celebrado na Praza da Quintana de Santiago de Compostela. Os oradores tildaron de "antidemocrático" o procedemento utilizado para cambiar a Carta Magna, e proclamaron a necesidade de rebelarse e impedir que os recortes en Sanidade, Educación e Servizos Sociais continuen adiante.

Vázquez, asegurou, no acto celebrado baixo o lema “ Galiza pola Soberanía. Os Dereitos Sociais e Os Servizos Públicos. Esta Constitución é unha fraude” que “a reforma da Constitución é letal para a maioría social e nega o autogoberno de Galiza.”

Ante unhas 2.000 persoas, o portavoz nacionalista asegurou que “hai que poñer a dieta ao capital especulador e non ao pobo traballador” e recalcou que a pesar de terse aprobado xa a reforma da Constitución segue habendo alternativas para saír da crise, “unha reforma fiscal progresiva, a supresión das axudas a Igrexa ou a redución de gastos militares”.

Guillerme durante a súa intervención
O acto convocábao o BNG conxuntamente coa Confederación Intersindical Galega (CIG), a Organización Galega de Montes en Man Común, Adega, os Comités, Fruga, a Asociación de Escritores en Lingua Galega, a AS-PG, Galiza Nova, Liga Estudiantil Galega, a Plataforma en Defensa dos Servizos Públicos, Galiza Cultura, MEU e a Rede Galega de Empresas.

O portavoz nacional do BNG cualificou de “fraude” esta reforma da Constitución porque supón “un novo chanzo para recortar servizos e diminuír os dereitos dos cidadáns”, e manifestou o seu rexeitamento a unha medida que ademais resulta “inútil” por fixar un límite ao déficit no gasto que non impidirá que a prima de risco continúe á alza.

Neste sentido, afirmou que a reforma da Constitución só serve para “tranquilizar aos mercados e o saneamento das grandes fortunas e paraísos fiscais”.

Xosé Alfredo Pereira durante a súa intervención
Guillerme arremeteu contra unha reforma constitucional que só persegue “o dogma neoliberal” e acusou a Rubalcaba e a Rajoy de practicar unha política económica “fracasada e letal contra os pobos” que vai provocar máis privatización no ensino, na sanidade e nos servizos públicos. Asemade, referiuse ao Presidente da Xunta como “Alberto I o Austero. Alberto I o Liquidador” por non ter liderado e defendido o proxecto dunha caixa galega que agora será vendida a “prezo de saldo”.

O portavoz nacional do BNG rematou a súa intervención afirmando que existen “alternativas” que pasan por un programa de reformas democráticas e favorables aos intereses das maiorías sociais e dos países como Galiza, “submeter a referendo as modificacións substancias, e esta o é” concluíu.

Suso Seixo, secretario xeral da CIG
O acto contra a reforma da Constitución tamén contou coas intervencións do Presidente da Organización de Montes en Man Común, Xosé Alfredo Pereira, e o Secretario Xeral da CIG, Suso Seixo.

Na súa alocución, Pereira defendeu a loita contra a privatización do montes en man común, as reformas democráticas e os montes veciñais como sinais de identidade.

Pola súa parte, Xesús Seixo avogou por unha reforma que sexa verdadeira no recoñecemento do carácter plurinacional do Estado español e na autodeterminación de Galiza.

Sociedade